A sétima edición do circuíto de carreiras saudables CorreSan, que consta de catro citas, poñerase en marcha esta noite coa proba nocturna Cidade Vella con case mil atletas inscritos.
Os participantes nas categorías sub 18, sénior e veteranos deberán dar dúas voltas a un circuíto de algo máis de 2,7 quilómetros, con saída e chegada na praza do Obradoiro. Para os sub 10 e sub 12 haberá un trazado dun quilómetro e para os sub 15 e sub 16 a distancia para percorrer será de 1.750 metros.
Os primeiros protagonistas serán os máis pequenos, que iniciarán a súa proba ás 21.45. Ás 22.00 tocaralle a quenda aos sub 15 e sub 16. Os máis de setecentos adultos iniciarán os 5,5 quilómetros do seu percorrido ás 22.30.
Na pasada edición, a proba foi dominada polos atletas composteláns, con vitorias de Raquel Suárez Pedrosa (gañou por cuarta vez consecutiva) e Pedro Nimo (asinou o seu cuarto triunfo, aínda que non de forma consecutiva). Raquel Suárez investiu un tempo de 20 minutos e 37 segundos, cunha clara vantaxe sobre Mela Penas, segunda, que detivo o crono en 21 minutos e 51 segundos. Nimo estableceu unha marca de 17 minutos e 47 segundos, por diante de Miguel Penedo (17.50).