O Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan chega o sábado á súa cita máis esperada coa proba nocturna pola Cidade Vella. Hoxe conclúe o prazo de inscrición e xa son máis de novecentos os atletas que se apuntaron á carreira.
Uxío Abuín e Raquel Suárez Pedrosa foron os gañadores da anterior edición do CorreSan nocturno que se celebrou no mes de xullo do ano pasado, unha carreira na que participaron 1.200 deportistas. Uxío Abuín cruzou a liña de meta en primeira posición e parou o crono en 17 minutos e 30 segundos, superando con claridade a todos os seus adversarios. En segundo lugar quedou o noiés Rubén Caamaño, que tardou 32 segundos máis (18.02) que o gañador en percorrer os cinco quilómetros e medio do trazado. A terceira posición na categoría masculina absoluta foi para o coruñés Javier Tourís, que chegou á meta cun tempo de 18 minutos e 22 segundos.
Na proba feminina, a gañadora foi Raquel Suárez Pedrosa, cun tempo de 20 minutos e 11 segundos. Partiu como a gran favorita e cumpriu os prognósticos. Repetiu o triunfo da edición anterior da carreira nocturna do CorreSan. Superou en 78 segundos á carballesa Vanesa Lafuente, que cruzou a liña de meta da praza compostelá parando o crono en 21 minutos e 28 segundos. A terceira posición correspondeu a Mela Penas, atleta de Arzúa, que acabou cun tempo de 21 minutos e 40 segundos.
Uxío Abuín foi a substitución do santiagués Pedro Nimo, que chegou á meta moi atrasado porque esta vez non saíu a por a vitoria. Simplemente vestiuse de curto para divertirse e non para competir como fixera con anterioridade.Para Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, esta segunda carreira do CorreSan é unha proba «sinxela e bastante chaira, co 70 % do seu percorrido polo centro histórico». Destacou que será unha carreira «moi rápida e sen nivel de dificultade».