Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, recoñece que as carreiras do CorreSan manterán un ano máis a súa filosofía, destacando que nesta nova edición volverá fomentarse a práctica do deporte e non a competición. Do mesmo xeito que sucedese nos anos anteriores, outro dos grandes obxectivos céntrase en incrementar o número de participantes en cada un das cinco carreiras que están previstas.
Nesta edición, o CorreSan arrincará en Angrois, o 30 de xullo, «unha carreira moi especial» e na que os veciños e a asociación puxeron un gran empeño nos últimos anos. Será a terceira carreira de Angrois e da primeira á segunda rexistrouse un incremento de douscentos atletas. «Desde a primeira edición realizouse un cambio no percorrido e serán dúas voltas a un circuíto, con subidas e baixadas, pero sen unha dificultade extrema, un percorrido que se pode asumir perfectamente sobre cinco quilómetros e medio, mantendo con esta distancia a filosofía do CorreSan», explica Sanmartín.
A segunda carreira será o 3 setembro co CorreSan nocturno, unha proba «sinxela e bastante chaira, co 70 % do seu percorrido polo centro histórico». Sanmartín sinala que será unha carreira «moi rápida e sen nivel de dificultade». Será a máis rápida de todo o circuíto.
No Pedroso
A terceira cita será no Pedroso. Esta vez non será unha cronoescalada e a organización apostará por unha carreira normal, que o Concello ten intención de conectar coas parroquias santiaguesas como Figueiras. Tamén se quere achegar a proba aos barrios de Vista Alegre e Santa Isabel, algo que desde a delegación santiaguesa de atletismo queren potenciar. Aínda non está pechado o circuíto e Sanmartín recoñece que se está traballando no deseño. Na Granxa do Xesto realizaranse como é habitual as carreiras escolares.
Non existe razón algún para este cambio no Pedroso. Non se realizará a cronoescalada para probar cousas novas e para ver si este sistema resulta mellor. «Imos introducindo novidades e esta vez imos apostar por unha carreira normal para ver si ten o mesmo éxito ou máis», sinala Sanmartín.
A última proba do circuíto será a ruta dos parques, o 15 de outubro. «Aínda estamos a traballar na planificación desta nova carreira co Concello e sempre da man da Policía Municipal. A intención é conectar varios parques de Santiago e facer unha ruta verde para que a xente saiba que hai moitos espazos na cidade que serven para a práctica deportiva. Esta proba non será moi esixente, cunha dificultade moderada e sen demasiado desnivel», apunta Sanmartín, quen sinala ademais que todas as carreiras do CorreSan teñen entre catro e seis quilómetros.