Fai catro anos que se puxo en marcha o circuíto de carreiras saudables CorreSan e desde entón ha ir gañando adeptos paulatinamente. Así o indica o volume de atletas apuntados en cada unha das probas deste curso, 3.001 entre as catro que completaron o calendario. E así o testemuñan estampas como as que se sucederon na gala correspondente á edición deste ano que apura xa os seus últimos días e ao que aínda lle queda unha gran cita, a da San Silvestre do día 31.
No Auditorio de Galicia coincidiron os premiados e moitos dos seus compañeiros, desde benxamíns aos que lles brillaba a mirada no podio (algún confesaba que lle tremían as pernas, xa de volta ao seu asento) ata veteranos que xa peitean canas e tamén sorrían coas súas distincións. Todo iso, de principio a fin, nun ambiente de camaradería, no medio dun aplauso continuado.
O CorreSan 2015 baixou o pano e no horizonte asoma xa unha nova edición, tal e como apuntaron representantes da Federación Galega de Atletismo e o propio Alcalde, Martiño Noriega, que foi o encargado de pechar o acto. A do 2016 será a quinta edición e as bases están xa moi asentadas.