mércores, 8 de xullo de 2015

O CORRESAN PREPARA UN PAR DE SORPRESAS PARA OS PARTICIPANTES (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O CorreSan nocturno xa ten máis de cincocentos inscritos, superándose a estas alturas a participación da pasada edición. Iván Sanmartín, delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago, recoñece que se superarán todas as previsións e conta cunha participación de máis de mil atletas na liña de saída desta primeira proba do circuíto CorreSan de carreiras saudables, que tamén está incluída no circuíto de carreiras da Deputación da Coruña que se celebran por toda a provincia ao longo do ano. «Será un dobre aliciente para os atletas», sinala Sanmartín.

«Estamos a falar dunha proba que lle encanta á xente, moi rápida e atractiva para o público e para os participantes», destaca. Ao mesmo tempo, apunta que tanto os participantes como o público se atoparán á chegada cun par de sorpresas que «non vou desvelar». Haberá música e ata unha hora despois de acabar a proba levará a cabo unha pequena festa na praza do Obradoiro, que este ano foi o lugar elixido tanto para a saída como para a chegada. «Na pasada edición estabamos na praza da Quintana, pero xa quedou pequena ante o elevado número de participantes. Esta vez teremos o dobre de atletas e por iso era necesario trasladar a saída e a chegada á praza do Obradoiro», indica Sanmartín.

O delegado federativo recorda que nesta edición se modificou o circuíto e ampliouse en case un quilómetro a distancia con respecto ao pasado ano. Por iso, os atletas da carreira absoluta, que sairán ás once da noite, terán un percorrido de 5,5 quilómetros. Ás dez e cuarto sairán os máis pequenos, os benxamíns e os alevíns, que percorrerán 1.100 metros. Os infantís e cadetes, que comezarán a proba ás dez e media da noite, terán que cubrir unha distancia de 2,4 quilómetros. Os primeiros clasificados na carreira principal tardarán entre dezasete e dezaoito minutos en cubrir os máis de cinco quilómetros do traxecto.

Maior calidade

«A estas alturas, cando faltan tres días para o peche das inscricións, xa temos máis participantes que o ano pasado. Foi brutal o ritmo das inscricións nestes dous últimos días», explica Sanmartín, quen destaca que esta evolución se debe tamén a que este ano a organización conta cunha páxina web e con contas en Facebook e Twitter. «Tamén fixemos un vídeo promocional que está a gustar moito», subliña. Insiste en que «aos poucos se está conseguindo unha maior calidade neste circuíto CorreSan».

A carreira nocturna é «unha proba moi complexa, cun circuíto curto e con moitísima xente na saída, un circuíto de carreiras co que pretendemos que o público se enganche ao deporte», apunta. Explica que son varios os perfís de corredores, «desde xente que nunca practicou deporte ata afeccionados que xa quedan enganchados para sempre». Sanmartín espera estes días que Pedro Nimo, o gañador da pasada edición nocturna, confirme a súa presenza o sábado na praza do Obradoiro.