O domingo celebrarase a terceira carreira do circuíto CorreSan do 2015, despois de disputarse en xullo a proba nocturna e en agosto a de Angrois, ambas as cun rotundo éxito de participación. A cronoescalada ao Pedroso tamén superará todas as previsións, pois o número de participantes volverá bater unha marca nas carreiras saudables. Na pasada edición participaron 450 atletas e nesta ocasión espérase alcanzar o dobre de deportistas na liña de saída. Aínda está aberto o prazo de inscrición e a organización xa ten unha lista que supera os setecentos corredores.
Nin sequera a dureza do percorrido será un obstáculo para os deportistas composteláns, que unha vez máis se van a envorcar con esta iniciativa, que ano tras ano rompe barreiras en canto a organización e participación. Serán máis de tres mil metros por un circuíto «esixente», pero que «non asusta aos atletas», como sinala Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo.
Os atletas, recomenda o federativo, terán que dosificar ben as forzas aínda que só sexan tres quilómetros, pois a parte final da carreira será moi dura e necesitarase toda a enerxía para subir ao Pedroso.
Na pasada edición
Na pasada edición, o santiagués Pedro Nimo cumpriu os prognósticos e adxudicouse a vitoria nunha dura proba. Ao atleta local sobroulle un minuto na liña de meta, pois se adxudicou o triunfo con gran autoridade. O deportista compostelán completou os 3,3 quilómetros da cronoescalada en 12 minutos e 46 segundos. Superou case sen despeitearse en máis dun minuto ao segundo clasificado, que foi Iván Iglesias , que parou o crono en 13.59. Roberto Caneda foi terceiro con 14.13.
Na proba do domingo espérase unha maior igualdade e os propios organizadores sinalan que os tempos, polo menos sobre o prognóstico, estarán máis axustados. De Pedro Nimo ao décimo clasificado, que foi José Carlos Buján (15.04), a diferenza foi de case tres minutos.
Na carreira feminina a triunfadora foi a santiaguesa Paula Sahelices, cun tempo de 20 minutos e 03 segundos. Superou na liña de meta a Shaila Muñiz, corredora do Noitebra, que parou o crono en 20 minutos e 12 segundos. Terceira foi Sharay Astariz, de Lugo, con 20.15.