xoves, 2 de xuño de 2016

O DOMINGO CARANZA ACOLLE A III CARREIRA SOLIDARIA EN BENEFICIO DE ASFEDRO CON 5 QUILÓMETROS DE PERCORRIDO (Fonte: www.ferrol.es)

O próximo 5 de xuño terá lugar en Ferrol a “III Carreira Solidaria S.O.S Drogodependencias Ferrolterra”, organizada a beneficio de Asfedro, coa colaboración do Concello de Ferrol e o Club Castro de Lobadiz.

Un evento ó que a concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, e o edil de Deportes, Bruno Díaz, animaron esta mañá a participar, inscribíndose ben na carreira, de 5 quilómetros de percorrido, ou na andaina, así como asistindo ao concerto musical posterior e á degustación gastronómica.

Na rolda de prensa de presentación, realizada esta mañá no Concello, estiveron presentes os representantes de Asfedro Olga Basterrechea, Sari Alabau e Juan Oruezabala.

Trátase dun evento deportivo que pon en valor o traballo que “dende hai case trinta anos” está a realizar Asfedro para mellorar a nosa sociedade, resaltou Bruno Díaz, para quen ademais dun evento solidario tamén se trata dunha nova cita para o fomento do deporte, xa sexa correndo ou camiñando.

A quenda de carreiras se inicia na zona do pavillón de Caranza, ás 11:00 horas, sendo a de categoría absoluta ás 12:10. Terá un percorrido de 5 quilómetros. Ao rematar, actuarán os grupos locais “La Promesa”, “Lenda Ártabra” e “Pedro y el Lobo”, e terá lugar unha degustación gastronómica de callos e paella organizada coa colaboración de “Fame Neghra”.

Sestayo, que felicitou a Asfedro pola súa “proactividade” e “resposta activa fronte ós problemas”, lembrou que lamentablemente os problemas de drogadicción seguen a estar moi presentes na sociedade, sendo “moitas as familias que acoden a Servizos Sociais con conflitos familiares derivados de adiccións a drogas”, polo que “o labor de Asfedro é imprescindible e importantísimo e ten que contar co apoio de toda as administracións, así como o desta sociedade ferrolán na que Asfedro é un referente”.

As inscricións pódense realizar ata o próximo xoves 2 de xuño na páxina web www.carreirasgalegas.com/calendario. Ata o momento xa están anotadas 173 persoas na carreira e 42 na andaina, se ben Juan Oruezabala lembrou que se confía en superar a cifra acadada o pasado ano de preto de 500 inscritos.

Na actualidade Asfedro conta con 1.300 usuarios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Dende o ano 1985, coa colaboración cidadá e o apoio das administracións, Asfedro vén atendendo aos drogodependentes da comarca. Pódense facer achegas á entidade a través da conta bancaria 0182-0232-79-0201536004, da entidade BBVA. Asfedro ten as súas dependencias na rúa Cádiz en Caranza.


Horarios e distancias:
11:00 Infantís, nados no ano 2004/2003: 2.000m
11:20 Alevíns, nados no ano 2006/2005: 1.000m
11:30 Benxamines, nados no ano 2008/2007: 800m
11:45 Pre benxamins, nados no ano 2010/2009: 100m
12:00 Biberóns, nados dende o ano 2011: 80m
12:10 Desde categoría cadete, nados no ano 2002/2001 ata veteranos: 5.000m.
12:10 Andaina 5000m. (Inmediatamente despois da saída da Carreira absoluta).


RETIRADA DE DORSAL: Os participantes poderán retirar o dorsal o sábado 4 de xuño ou o domingo 5 de xuño nos seguintes lugares:

Sábado 4: Na sé de ASFEDRO, sito na rúa Cádiz s/n, Bloque 17 de Caranza (Ferrol). En horario de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00
Domingo 5: No lugar da saída (xunto á piscina de Caranza) ata 30 minutos antes do comezo de cada proba.

TROFEOS E PREMIOS
Todos os corredores inscritos a partir da categoría cadete serán obsequiados cunha camiseta conmemorativa.
Todos os de categoría “biberón” e pre benxamíns recibirán medalla tras rematar a proba
Os tres primeiros clasificados das categorías benxamín, alevín e infantil, tanto masculina como feminina, recibirán medalla.
A partir da categoría cadete (inclusive), os tres primeiros clasificados de cada categoría tanto masculina como feminina recibirán un trofeo. Así mesmo entregarase trofeo aos tres primeiros atletas da clasificación absoluta, homes e mulleres.