A Carreira Popular Pedestre de Noia é unha proba que atrae moita xente, tanto a atletas afeccionados como a profesionais. Estes últimos serán os que pelexen esta noite, a partir das 22.00 horas, pola vitoria na categoría absoluta, na que se repartirán 1.200 euros entre os mellores clasificados.
O nivel dos corredores que acoden á cita augura que esta será disputada e moi rápida. Un dos favoritos ao triunfo é Manuel Ángel Penas, gañador o ano pasado e un home que xa se subiu todo o máis alto do podio noutras edicións da Pedestre. Non o terá fácil Penas para revalidar o título de campión. Na categoría masculina hai máis nomes importantes. Entre os candidatos para pelexar pola vitoria está Pedro Nimo do Ouro, que gañou en varias ocasións o campionato galego de campo a través e participou en citas nacionais e internacionais. Por outra banda, hai que destacar a presenza de David Santos Domínguez, que recentemente se impuxo na carreira da Pobra.
O espectáculo tamén está asegurado no apartado feminino. Joselyn Brea, actual campioa galega de tríatlon, é a gran favorita á vitoria final. A venezolana, fincada en Pontevedra, posúe o récord do seu país na modalidade de 3.000 metros obstáculos, cunha marca que estivo a piques de darlle o pase aos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro. A gran aposta local é a atleta Teresa Castro Villaverde, campioa de España de 5.000 metros en categoría veterana.
Máis de 700 inscritos
Luis Sanmartín, presidente do Club Atletismo Noia, mostrouse onte moi contento polo gran tirón que ten a Pedestre, a pesar de que o feito de non celebrarse en agosto repercute negativamente na inscrición. Finalmente, serán 724 as persoas que participen na vigesimoprimera edición da carreira popular noiesa. Esta cifra mellora a rexistrada o ano pasado: «Estamos moi contentos e superamos con fartura as expectativas», comentou Sanmartín.
A actividade na Alameda comezará ás 21.00 horas, coa celebración das probas dedicadas aos máis pequenos. Ás 21.15 será a quenda dos corredores das categorías benjamín e alevín. Pola súa banda, os participantes dos apartados infantil, cadete e xuvenil empezarán a competir ás 21.30 horas.