O forte vento e a calor fixeron que a Carreira Popular Concello de Cee fose máis esixente fisicamente do que habitualmente xa é. Nesta terceira edición tomaron a saída 392 corredores dos máis de 600 inscritos.
Tamén destacou o gran potencial dos participantes na proba dos 10K, e a importante presenza de afeccionados en toda a xornada atlética coordinada polo Concello de Cee a través do seu departamento de Deportes. A organización estivo a gran nivel e boa parte do mérito tivérono a Policía Local de Cee e as dotacións de Protección Civil de Cee, Fisterra e Corcubión, constantes na seguridade de todas as probas.
A loita entre o alxerino Abdelkader e o soneirán Míchel Antelo foi en grao sumo espectacular da xornada, aínda que tamén tiveron moito protagonismo os outros candidatos, como o coruñés Manuel Oliver, Manute, vencedor na primeira edición; Javier Seoane (Carballo), Gonzalo Silva (Santa Comba), David Calzas (Vimianzo) e José Suárez (A Baña), que baixaron dos 34 minutos na meta.
Na categoría feminina, Teresa Castro (Vimianzo) e Gemma Hidalgo (Madrid) protagonizaron unha bonita e inesperada loita polo triunfo. En 10K tomaron a saída 163 participantes, dos que tan só un non puido concluír a proba por lesión.
Na competición curta, a de tres quilómetros -en realidade foron 3,4- Martín Regueira (Laxe) e Tina Marie Fernández (Muros) non tiveron rival ao impor a súa fortaleza nunha distancia na que ambos sempre son os rivais a bater. Nesta ocasión competiron 64 atletas.
O alcalde de Cee, Ramón Vigo, e as concelleiras de Deportes, Camola Freire, e Cultura, Yolanda García, foron os encargados de entregar os trofeos a todos os participantes. Tamén recibiron, como é habitual no circuíto Correndo pola Costa da Morte, unha camiseta conmemorativa da proba.