Nunha mañá de intenso frío, o fondista do Club Ourense Atletismo Rubén Diz Díaz proclamouse onte vencedor da carreira masculina na súa categoría absoluta do 22º cros do colexio Guillelme Brown, unha proba incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. O de Xinzo empregou un tempo de 12 minutos e 11segundos, seguido polo mozo Ziad Nagihi (12:20), da Agrupación Deportiva Limiactiva, e por Xullo Novoa Gutiérrez (12:28), do Atletismo Arenteiro.
Na clasificación feminina da categoría absoluta, na que os corredores deberon dar cinco voltas ao circuíto ata completar 4,2 quilómetros, Ana María Ocampo Sanmamed, do Burgas Ourense, foi a primeira, detendo o crono nos 14 minutos e 4 segundos. Segunda praza para Vicky Losada Pérez (14:27), do Atletismo Burgas Ourense, coa moza Aida Martínez Barja, do ADAS Proinor, na terceira posición cun tipo de 14:36.
A Absoluta por equipos foi liderada, tanto en homes como en mulleres, polo Burgas Ourense con 16 puntos, seguido polo CD A Purísima, con 45 e Esprintes Ourense, con 70. En canto aos pequenos, os tres primeiros benjamines en meta foron Miguel Santana Villar (3:16), Santiago López de Letona Fernández (3:17) e Lucas Branco Paz (3:17); na proba feminina, Carmen Cabot Perez (3:35), Amanda Martínez Sierpes (3:36) e Iria Tizita Santos Soto (3:39).
En alevíns gañaron Alex Sierpes Pereira (5:37), Christian Sierpes Pereira (5:43) e Miguel Carbajales Castro (5:44); así como Naroa Pereira Tesouro (3:17), África Valcárcel Salgado (3:20) e Lara Vázquez González (3:22). Antía Castro Pérez e Said Abdoun Bechiki foron os mellores cadetes e Marcela Morgado Rodríguez e Héctor Rodríguez Vázquez gañaron en infantís. Na carreira de pais e profesores os tres primeiros foron Ana Isabel Soutullo (6:24), Fernando Troncoso (6:25) e Jesús Sandá (6:26).