A trixésimo novena edición da Carreira Popular de Negreira centra o foco do atletismo en Galicia durante o domingo de San Martiño, con 1.529 participantes.
E é que unicamente Negreira e a carreira 10 K da Coruña gozan do privilexio en Galicia de pertencer ao calendario nacional de populares, o que lle concede a posibilidade de rexistrar os mellores tempos polos atletas africanos que preparan a súa participación no 10 K de Valencia, que chegan atraídos polos importantes premios e o prestixio a nivel nacional de Negreira, que mesmo supera á capital herculina en nivel de participantes.
As gacelas africanas corren por baixo dos trinta minutos e, para proba, a ducia de kenyanas que xa se impuxeron en citas como a nocturna de Bilbao e que mañá o público poderá ver na capital barcalesa. Todo un espectáculo para os amantes do atletismo.
A organización concedeu o dorsal co número 1 ao marroquí afincado en Toledo, Jaouad Tougane, quen xa sabe o que é acariñar o ouro na Clásica, nos seus tres anteriores participacións. Acompañaranlle outros compatriotas seus entre o máis de medio milleiro de inscritos na carreira reina, cuxa saída será ás 10.50 horas. Os suculentos premios: 900, 500 e 300 euros para os tres primeiros son un gran reclamo.
Entre os galegos, que este ano terán premios propios (200, 100 e 50 euros), cabe destacar a presenza do arzuán Lolo Penas, o último galego en gañar a proba fai cinco anos. En mulleres, María Jesús Gestido, gañadora no 2014 e Rocío Alvite, parten entre as favoritas. Antes dos 10.000 metros correrase o cinco mil, ás 10.00 horas. Unha volta ao circuíto con saída desde a rúa de Castelao.
A partir do mediodía correranse as catro probas escolares: infantís e alevíns, seguida de benjamines, con 1.200 metros; prebenjamines (250 metros) e chupetes. Os dorsais pódense retirar hoxe mesmo en Breogán Deportes, para escolares, e en GarSport, para adultos, en horario de mañá e tarde. E tamén mañá, media hora antes de cada proba no pavillón escolar.
Cada participante na liña de meta recibirá unha bolsa do corredor composta por camiseta técnica, bebida isotónica, batido e un pastel.