Cristian Muíño (Coristanco) e Vanessa Lafuente (Carballo) non fallaron e alzáronse onte co triunfo da XIV Carreira Pedestre Concello de Corcubión. Ambos bateron amplamente os rexistros da pasada edición, a pesar da dureza da proba e da néboa que acompañou toda a mañá aos atletas. Acudiron á cita 255 participantes nas diferentes categorías.
Na proba absoluta, o interese estaba no que podían facer Cristian Muíño e Míchel Antelo (Vimianzo). Ambos estaban á fronte da clasificación xeral do circuíto Correndo pola Costa da Morte. Tras a proba quedaron empatados a 14 puntos e faltan por disputar as de Fisterra e Muxía.
En Corcubión, a máis esixente do circuíto, nada máis comezar a carreira hai unha subida de dous quilómetros duns desniveis moi pronunciados. Aí Cristian marcou o ritmo e puxo o pelotón en ringleira. Tras el, Míchel Antelo, Javier Seoane (Carballo), Alberto Carou (Noia) e Gonzalo Silva (Santa Comba). Na baixada cara a Cabo de Cee, Javier superou a Míchel e enlazou con Cristina. Ambos foron xuntos ata o último repecho, á altura do Castelo do Cardenal. Esa mínima diferenza de 10 segundos logrou mantela o coristanqués ata a liña de meta.
Na categoría feminina, Vanessa saíu, como nela é habitual, como un tiro e xa non virou a cabeza ata cruzar a liña de meta. A 45 segundos entrou a súa adversaria máis perigosa, a mazarica Rocío Alvite.
A ovación máis prolongada levouna Lisette Halliday, que ten domicilio en Castro de Rei. A atleta entrou a última a 56 minutos e 10 segundos. Os afeccionados, uns 300, aínda que coa proba de pitufos que pechou a competición, o número incrementouse ata os 500, envorcáronse coa participante nos últimos metros na Praza de Castelao.
Na categoría absoluta de 3 quilómetros a loita prognosticábase pechada e así foi. O laxense Martín Regueira saíu moi forte desde o primeiro momento e Amador Pena (Santiago), o gran dominador desta distancia esta tempada, só puido cruzar segundo a 13 segundos. Tamén foi especialmente interesante a loita feminina nesta distancia. Jessica Inés (Noia) saíu moi ben e forte, pero Tina Marie Fernández (Muros) conseguiu superala de forma clara. Había que dar tres voltas ao circuíto deseñado e na segunda logrou superala para gañar con autoridade.
A xornada finalizou co broche da carreira de pitufos, na que os afeccionados se envorcaron cos participantes.
A entrega de premios foi presidida polo alcalde, Lalo Insua, que estivo acompañado polos concelleiros María M. Fernández e José Antonio Louro.