A un ano de completar as catro décadas de historia, a Carreira Popular Pedestre de San Martiño segue batendo rexistros e estendendo o seu manto sobre a crecente afección ao running en todo o noroeste da península.
Así situou outra cata máxima no capítulo de inscritos, ao peche do prazo para confirmar a presenza na edición que se celebrará o vindeiro domingo. Nada menos que un total de 11.716 interesados terminaron por facer efectivo o seu desexo de participar. Trátase dun 8 % de incremento con respecto ao sucedido no 2014, reafirmando o tirón do que xa é toda unha marca atlética ourensá.
E o futuro non deixa de ser esplendoroso, tanto a curto prazo, co aniversario que xa se otea no horizonte, como ao máis longo, porque si creceron as cifras de inscritos en todas as categorías, a que presenta unha maior subida é a carreira de «Cativos», a última en lanzarse, desde as 13.15 horas, cos nados en 2007 e posteriores. Serán un total de 2.337, tres centenares máis que no pasado curso. Unha progresión similar á do grupo «Escolar» (nacidos entre 1999 e 2006), no que xa teñen dereito a disputar máis de 4.000 mozos, elevando o número de prazas en 252. Soará o pistoletazo ás 12.30 horas.
Publicidad
A proba absoluta, a homologada polos entes federativos, arrincará ás 11.00 horas para dar conta de dez quilómetros por céntricas arterias da capital ourensá. Será a máis madrugadora e chegou a un teito de 5.366 atletas apuntados para presentarse na liña de partida. Será o maior despregamento loxístico da xornada na ponte do Milenio, onde tras as probas do pasado ano cos códigos de cores, esta vez salientarase na organización por caixóns de saída segundo as marcas persoais, ademais duns globos de helio que servirán para ir controlando o tempo durante o trazado, que un ano máis desembocará fronte ás instalacións do Pavillón dos Remedios.
En suma, a resposta popular volveu a ser, un ano máis, o mellor aval da San Martiño, que máis aló do prestixio que atrae a importantes especialistas na distancia, tamén lanzou o anzol do premio en metálico para quen ouse derrubar a marca da carreira, establecido en 2010 cun tempo de 28.49 en categoría masculina e 32.45 minutos na feminina.
E todo cun ambiente que xa ha comezada a palparse nas últimas semanas en zonas do percorrido ou nas súas proximidades, antes de que o venres se incremente co inicio da cuarta Feira do Corredor. Unha mostra na que as marcas especializadas no mundo do running presentarán as súas últimas novidades.