mércores, 1 de febreiro de 2017

OS MELLORES CLUBES GALEGOS DE CROS CURTO COMPETIRÁN EN A BAÑA (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O circuíto de Cartas, na Baña, albergará este domingo a disputa dunha ducia de carreiras dentro dos campionatos galegos de cros curto por clubs sénior e promesa, e o de individual e equipos en categorías cadete e xuvenil, ademais do memorial Alejandro Lorenzo de categorías benjamín, alevín e infantil. É, tras o autonómico individual celebrado o pasado domingo en Ribadavia, a cita máis importante da tempada de campo a través en Galicia. Espera a reunir a máis de 1.500 persoas na Baña.

Iván Sanmartín, delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago, destacou na presentación que está garantida a presenza de máis de trinta clubs inscritos. «Queremos animar a que a xente se achegue a presencialo porque Galicia sempre foi terra de cros, unha disciplina dentro do atletismo que supera ao resto», indicou Sanmartín, quen lembra que da Baña sairán os tres clubs que representarán a Galicia no nacional, o vindeiro 26 de febreiro en Oropesa (Castelló), así como a composición da selección autonómica cadete e xuvenil.

Jorge Branco, director técnico do evento, cualificou o circuíto como «esixente» e «duro», totalmente de herba, aínda que cabe esperar que estea embarrado polas sucesivas choivas desta semana. Dispón dunha lonxitude máxima de 1.250 metros, cunha volta grande e os seus axustes.

Os participantes dispoñerán de toda clase de servizos no campo de fútbol contiguo, como gardarroupa, bar ou duchas. Tamén haberá un servizo de bus que trasladará aos atletas ata o pavillón municipal, segundo precisou Manuel Tourís, concelleiro de Deportes, quen xunto ao alcalde, Andrés García Cardeso, quixo destacar o esforzo e a importancia deste tipo de eventos para a promoción do municipio.


Cambios no tráfico

En canto ao tráfico, non se poderá acceder con coches e autobuses ao circuíto, pois se deberán estacionar na propia capital municipal, San Vicente. Desde alí haberá uns trescentos metros que o público terá que completar a pé. As primeiras carreiras (benjamín, alevín e infantil), comezarán ás 10.30 horas. A partir das 12 sairán as probas do autonómico cadete (2.450 e 3.500 metros), do xuvenil (3.900 e 4.950 metros), mentres que ás 13.30 horas darase a saída á proba por equipos sénior-promesa en mulleres, para ás 13.50 celebrarse a proba masculina, ambas as sobre 3.900 metros de distancia, ao incluír tres voltas grandes ao circuíto.


Fonte: www.lavozdegalicia.es