mércores, 16 de marzo de 2016

«OS NENOS QUE PADECEN CANCRO SON UNS SUPERHEROES QUE MERECEN TODO» (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

É a cara visible de Sorrisos Pelonas, entidade rexistrada a nivel nacional cuxo epicentro está nas Pontes. Foi hai pouco máis de doce meses, cando Olalla Sueiro (As Pontes, 1981), coñeceu o caso dun neno, Álex, que acababa de falecer por mor dun sarcoma de Ewing e, sen dubidalo, deu corpo e forma a unha asociación na que colaboran de forma activa cinco voluntarias. Delas- Esther, Leticia, Carmen, Chelo e Cristina-, Sueiro di que «están a facer un gran labor. Axúdannos, por exemplo, confeccionando os broches que despois distribuímos. Ao final, con este tipo de cousas é coas que conseguimos financiarnos».

Desde hai unhas semanas, o equipo de Sorrisos Pelonas, focaliza a súa actividade nunha das citas deportivas con máis arraigamento na localidade pontesa: a carreira de San Xosé. «Hai un ano falei co club de atletismo Olympo. Empecei a pensar en facer algo así e entrei con contacto con eles. Desde o principio mostraron a súa disposición a colaborar, pero indicáronme que necesitariamos máis tempo, así que decidimos deixalo para esta edición. E así foi». A ambas as entidades súmase a Concellería de Deportes das Pontes, eixo fundamental nunha cita na que os fondos que se recaden irán destinados integramente á investigación do cancro infantil. En concreto, á Fundación O Sorriso de Álex, capitaneada por Carmen e Javier, pais do pequeno falecido hai pouco máis dun ano. «Ao principio falaba con eles por whatsapp, pero habemos ir estreitando a relación», detalla Sueiro. ¿Desprazaranse ás Pontes? «A súa intención é poder acompañarnos, sempre intentan acudir a actos deste tipo, pero polo momento non o temos confirmado porque aínda están tenteando as posibilidades que teñen de arranxar as quendas de traballo». Acudan ou non, os obxectivos seguirán sendo os mesmos: «Oxalá consigamos mobilizar a moita xente. Eles necesítannos, estes nenos son verdadeiros superheroes e merécense todos os esforzos que podamos facer por eles. É triste pensar que en lugar de estar a xogar nun parque atópanse enganchados na máquina dun hospital», relata.

Doazón
«Quero conseguir o máximo posible, esperemos reunir unha cantidade similar á do ano pasado. É complicado, pero aínda quedan días, así que non imos perder a esperanza. Sería unha cifra positiva e suporía unha gran axuda para a asociación», explica a moza pontesa. No entanto, á marxe do montante económico que logren reunir, a responsable de Sorrisos Pelonas insiste na necesidade de «dar a coñecer que esta enfermidade tamén afecta, e moito, aos máis pequenos da casa. Pero sobre todo gustaríame romper un mito». E para conseguir esa tarefa contará coa colaboración da entidade Medula para todos Galicia. «É moi importante que a xente coñeza o procedemento da doazón da medula ósea. Que teñan claro que non che van meter nun quirófano e que sairás en cadeira de rodas. Si non hai doantes moitos nenos non se van a salvar e iso é un drama», subliña.
A tres bandas. A cita deportiva está organizada polo Concello das Pontes, o Club de Atletismo Olympo e a asociación solidaria.

Prazo de inscrición (3 euros). Os interesados poden anotarse en www.carreirasgalegas.com, no pavillón municipal ou en Montaxes As Pontes.