Para Pedro Nimo foi un paseo. O atleta santiagués adxudicouse a primeira edición do trail do Proxecto Home Galicia que se celebrou na mañá de onte na Granxa do Xesto. Impúxose con autoridade aos case sesenta deportistas que tomaron parte nesta carreira solidaria, que ademais puxo en marcha unha andaina con máis de 250 afeccionados.
Nimo avantaxou en case tres minutos ao segundo clasificado. Investiu 1 hora, 24 minutos e 34 segundos en percorrer os dezaoito quilómetros desta carreira pola montaña compostelá. A segunda posición, cun crono de 1.27.31, foi para José Antonio Varela, de Oroso, que superou con claridade ao terceiro clasificado, Ricardo Villar, de Santa Comba, que completou o circuíto cun tempo de 1.31.40. Chegou a métaa sete minutos despois do gañador.
A cuarta praza no trail do Proxecto Home foi para o andaluz Salvador Guerrero , cun crono de 1.31.48. Seguidamente quedaron Carlos Carbonell, de Santiago (1.31.52), que foi quinto; Felipe Míguens, de Pontecesures (1.31.53); José Luis González, de Teo (1.31.56); José Navarro, de Boiro (1.32.43); Anxo Bello, de Padrón (1.33.19); e Felipe Raña, de Ordes (1.33.54), que acabou no décimo lugar da clasificación xeral.
Victoria de María Jesús Posse
Na categoría feminina, o triunfo foi para María Jesús Posse, corredora de Vilagarcía de Arousa do Proxecto Home, que percorreu os dezaoito quilómetros en 2 horas, 7 minutos e 42 segundos. A segunda posición foi para Verónica Martínez, de Bembibre, cun crono de 2.10.37. A medalla de bronce foi para a súa irmá Melina Martínez, tamén de Bembibre, cun tempo de 2.10.40. A cuarta praza foi para Anxos Vázquez, de Santiago, con 2.13.58; e o quinto posto foi para Isabel Zarzalejo, tamén de Santiago, con 2.13.58.
Nimo, que nos primeiros quilómetros da proba compartiu a cabeza do pelotón cun nutrido grupo de atletas, pronto acelerou o ritmo e foise en solitario cara á liña de meta, no que case foi un adestramento para el. O circuíto, deseñado polo exatleta Antonio Toribio, foi moi esixente, pero o veterano deportista santiagués gozou ante o numeroso público que acudiu á Granxa do Xesto. Cumpriu os prognósticos e sen correr a lume de biqueira adxudicouse esta primeira edición da carreira solidaria. Os participantes gozaron dunha boa temperatura en gran parte do percorrido.
Andaina de cinco quilómetros
Quince minutos despois de que Ramón Gómez Crespo, director de Proxecto Home Galicia, dese a saída aos atletas do trail, partiron desde a Granxa do Xesto 240 afeccionados para participar nunha andaina popular de cinco quilómetros, na que os primeiros en chegar á liña de meta fixérono correndo.
Non houbo clasificación nesta proba, pero si algúns premios: Franqueira González, á familia numerosa; Proxecto Home Galicia, á entidade con maior número de participantes; Corredores Pedro Nimo, ao club con máis deportistas; e Feiraco. O participante máis novo foi Martín Permuy e o máis veterano, Elva Arce.