Lolo Penas e Tina Fernández proclamáronse campións da Batalla de Cacheiras, ao coroar en primeira posición o alto de Montouto, en categoría masculina e feminina, respectivamente. Ao longo de nove quilómetros, a proba reuniu a máis de 250 participantes, percorrendo os camiños polos que avanzaron as tropas do xeneral Da Cuncha para enfrontarse ao exército sublevado do xeneral Solís, en abril de 1846, a través das parroquias de Bamonde, Oza e Cacheiras.
O arzuán Lolo Penas foi o primeiro en concluír a proba, no Miradoiro de Montouto, cun triunfo incontestable (35:01), avantaxando en máis de tres minutos a Amador Pena (Vagalume) e Miguel Anxo Nogueira (Noitebra), segundo e terceiro clasificados, respectivamente. Con claridade tamén se impuxo Tina Fernández (Urban Runners Santiago) en categoría feminina, acreditando un tempo de 46:10. Seguírona no podio Áurea Retamal (Atletismo Milladoiro) e Cristina Carril (Vagalume Enerxía). Entre os particpantes tamén destacou a presenza do santiagués Pedro Nimo (32.º).
Como novidade, a organización instalou no alto de Montouto unha escultura na que se irán inscribindo os nomes do gañadores ano a ano. Tamén se celebrou unha andaina, con máis de 60 participantes, así como unha recreación histórica (realizada por Recreadores de Galicia) e probas en categorías inferiores.
Nesas idades, as vitorias foron para Adrián Núñez e Patricie Viadel (xuvenís); Paulo Salgueiro e Iria Castro (cadetes); Roque Alonso e Enma Argibay (infantís); Lucas García e Sofía Dodman (alevíns); Javier Picos (benjamines); Marta Bermúdez (prebenjamines); e Pablo Vidal e Erin Bouzas (peques).