A vitoria do santiagués Amador Pena sobre o soneirán Míchel Antelo foi épica. A terceira edición da Carreira Popular Dolmen de Dombate celebrouse baixo a choiva, que fixo máis dura a proba. Por esa razón, e con boa decisión, a organización, o Concello de Cabana, decidiu anular a proba de pitufos, na que había 124 participantes. Todos recibiron a súa correspondente medalla.
A proba que pechaba a xornada pasada por auga era a dos 10K, na que tomaron parte 193 dos 553 participantes. Inscritos figuraban 771.
O duelo Amador Pena e Míchel Antelo esperábase. De saída, como estaba previsto Manute marcou o ritmo, aínda que antes Diego Ruiz (A Coruña), Víctor Cousillas (Arteixo) e José María Aguete (A Coruña) tomaron o mando en diferentes tramos ata que no quilómetro catro romperon as hostilidades Míchel, que foi o que tirou firme e, tras el, Amador. Desde ese momento, a película da carreira foi que ambos foron pondo terra por medio, xa que ao lonxe seguía un Manute ao seu ritmo, seguido de Diego Ruiz e Víctor Cousillas. Cando faltaban 50 metros para a meta, Amador demarró ante un Míchel que realizou todo o gasto e non puido co final do santiagués, que desta forma conquistou o título de Dombate, aínda que sen superar a marca de Abdelkader no 2015, con 33:58.