martes, 15 de decembro de 2015

PORTO DO SON QUEDOU PEQUENO (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Non había onde meterse. A cuarta edición da carreira popular Sin-Son, que tivo lugar o domingo, bateu marcas históricas. Tanto na saída da proba como na liña de meta, non había por onde andar, e menos onde aparcar un coche. Miles de persoas acudiron á localidade para gozar dunha xornada deportiva ao aire libre. Porto do Son quedou colapsado durante toda a mañá. Os restaurantes e cafeterías víronse tan desbordados que non puideron atender a gran demanda existente. Moitos visitantes deberon buscar alternativas en localidades próximas para poder comer.

Á primeira hora da mañá os peiraos de Portosín e Porto do Son enchéronse rapidamente de vehículos. Os autocares comezaron a chegar moi cedo trasladando aos participantes ata o punto de partida. Fixeron falta moitas viaxes para mover aos atletas.

Gran despregamento
A prioridade da organización foi en todo momento a seguridade dos corredores. Tráfico autorizou a cortar a AC-550 desde Portosín ata Porto do Son para evitar calquera contratempo. Os cruces e os accesos á estrada estaban todos controlados e vixiados por voluntarios de Protección Civil.

Quedou un gran sabor de boca entre os responsables da proba e tamén dos establecementos hostaleiros e veciños en xeral. E é que había máis xente que «o día grande das festas ou da exaltación do polbo», apuraba a comentar un veciño.

Miguel Mayán, director técnico da carreira, era unha das persoas máis felices do día. Con razón. «Saíu todo perfecto. A xente marchou moi contenta e o pobo viviu unha xornada festiva moi especial». O resultado é máis que evidente. Aínda que é o principal artífice da carreira, non escatima eloxios para o alcalde, Luis Oujo, que «apostou decididamente pola proba e agora estamos a recoller os froitos».

A competición está a provocar tamén que aumente de forma considerable a afección no municipio por este deporte. Neste sentido, son de destacar as probas das categorías inferiores nas que tomaron a saída máis de seiscentos raparigos, a maioría pertencentes aos colexios do termo municipal.

Rostros coñecidos
Na liña de chegada víronse rostros coñecidos como o do cociñeiro Yayo Daporta. Tampouco faltaron á cita o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o exalcalde de Santiago Agustín Hernández. O edil de Deportes sonense, Manuel Deán, tamén se vestiu de curto para facer fronte aos dez quilómetros.

No que se refire á carreira desta edición, o atleta local Rubén Caamaño volveu brillar con luz propia. Plantou cara aos grandes fondistas que acudiron a esta cita cruzando a liña de meta en sétimo lugar.

O atleta olímpico e campión de Europa en 10.000 metros Chema Martínez tivo problemas estomacais e non puido render como se esperaba. Aínda así terminou quinto e entrou da man de Pedro Nimo, actual vencedor nacional de maratón.

A organización funcionou á perfección e non faltou de nada. Lugares habilitados para os corredores para que puidesen descansar e tomar algún refrixerio. Tamén había servizo de guardarropa, gardería e xogos e inchables para que os pequenos non se aburrisen. A Sen-Son xa é unha das grandes carreiras galegas.