sábado, 4 de xuño de 2016

PRESENTACIÓN DA 1ª EDICIÓN CARREIRA POPULAR DO APÓSTOLO

Esta mañá presentamos o evento na Casa do Concello da Laracha xunto ao alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de deportes, Patricia Bello. En representación da nosa xunta directiva estivemos Juan C. Ramos, Rubén Mallo, Javier Seoane, Álex Díaz, Noa Rey, Yari Pastoriza e Diego Rama. A maiores tamén acudíu Orfi Méndez en representación de Cáritas de A Laracha.

A nosa asociación é unha institución sen ánimo de lucro e de recente creación que nace cun obxectivo inicial de xestión das festas patronais. Pese a isto, as nosas ansias diferenciadoras leváronos hoxe a presentar un ambicioso e prometedor evento deportivo que pretendemos instaurar no tempo como representativo do concello de A Laracha e, como non, da propia parroquia de Vilaño.

Coa organización da carreira tamén desexamos xerar un día de festa e convivencia no pobo, facendo partícipes a todos os veciños, dende os máis cativos ata os de maior idade.

A proba denomínase I Carreira Popular do Apóstolo, e celebrarase o sábado 23 de xullo en horario de serán. O Adro de Vilaño (praza de Areosa) será o punto de saída e chegada de tal acontecemento, no cal a Federación Galega de Atletismo se encargará do control técnico. 

As categorías abranguerán desde pitufos (nenos e nenas a partir dos 3 anos de idade) ata veteranos, habendo premios para todos eles. A distancia das probas absolutas será de 10 quilómetros, que transcorrerán pola parroquia de Vilaño e, en parte, polo casco urbano da Laracha. 

A inscrición xa está aberta. Poderá formalizarse ata o mércores 20 de xullo tanto na web oficial da federación como de maneira presencial nos puntos habilitados para tal efecto (Concello de A Laracha, piscina municipal, centros de ensino, Cultiagro). Todas as persoas inscritas recibirán una camiseta conmemorativa do evento.

Logo de varios meses de duro traballo na confección do evento (desde finais do 2015), a organización confirma a presenza de varios patrocinadores de luxo (Antonio Vázquez Centro Bucodental, Cínica Diego Pérez, Cultiagro, Decathlon, Gadis, CaixaBank, Dental San Román, DC estudio, J. Esmorís e Hijos), así como a habilitación de servizos necesarios que lle darán maior facilidade e versatilidade aos participantes da proba: gardarroupa, duchas, amplos aparcamentos, gardería con monitores para os máis pequenos, servizo de fisioterapia e un gran avituallamento final.

De forma paralela, e para pechar o evento, organizamos unha Andaina Saudable-Solidaria sobre unha distancia de 3.800 metros e cuns obxectivos claros: concienciar a xente dun estilo de vida san e sensibilizarse coas persoas máis necesitadas do pobo. É por isto que ofreceremos a todos os participantes un lote de produtos vexetais e doaremos a metade da recadación a Cáritas de A Laracha. A maiores, tamén ofreceremos unha camiseta para todos os participantes.

O prezo da inscrición é de 5 euros para os maiores de idade e gratuíta para os menores.