martes, 29 de abril de 2014

PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO CIRCUÍTO DE CARREIRAS POPULARES. DEPUTACIÓN DA CORUÑA. (Fonte: http://www.dicoruna.es/)

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá a segunda edición do Circuíto Provincial de Carreiras Populares que este ano chegará a 18 probas, fronte á decena do pasado ano. Comezarán este domingo 4 de maio no Pino e rematarán o 9 de novembro en Negreira, coa proba máis lonxeva da provincia, que este ano cumpre a súa XXXV edición.  
Calvo salientou durante a súa intervención que tras o “éxito do ano pasado, esta proba tiña que ter permanencia no tempo”. “O que o ano pasado presentamos como un proxecto piloto vai xa camiño de ser unha proba máis do calendario anual dos atletas”, apuntou o titular provincial. Por iso, nesta segunda edición a Deputación investirá 25.950 euros para a organización das distintas carreiras (18.000 euros) e para os premios dos gañadores (7.950 euros), que sairán dos resultados que os corredores obteñan nas distintas competicións. Haberá unha puntuación individual e outra por clubs, que se dividirá en categorías de idade.

O presidente da Deputación recordou que o ano pasado tomaron parte no circuíto máis de 10.000 persoas e este ano espera incrementar a participación grazas ao aumento de probas. Todas as carreiras incluídas no circuíto forman parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, cuxo presidente Isidoro Hornillos Baz, estivo presente na presentación desta mañá, á que tamén acudiu a vicepresidenta e responsable provincial de Cultura e Deportes, Mariel Padín.

Hornillos, pola súa banda, agradeceu o compromiso da Deputación co deporte e máis en concreto con esta modalidade que cada vez ten mais adeptos na provincia. “Nunca o investimento de fondos públicos está tan ben xustificada porque chega aos cidadáns”, declarou o titular da federación.

Todas as probas que se desenvolverán ao longo dos próximos meses forman parte do calendario oficial da Federación e poderán participar nenos desde 8 anos ata veteranos maiores de 60. Entre as bondades do “pedestrismo”, Diego Calvo destacou o “saudable” que son este tipo de probas, non só na súa vertente “deportiva e competitiva”, senón tamén pola súa parte “recreativa, social e educativa”.

Así, tanto o titular provincial coma o presidente da Federación e os portavoces dos distintos concellos participantes que estiveron na presentación invitaron a todos os veciños a participar nestas carreiras populares pola provincia.  

Para poder entrar na clasificación do Circuíto provincial é necesario tomar parte en polo menos 8 das 18 carreiras incluídas no percorrido.

Calendario de carreiras:  

  1. XI Carreira Pedestre Popular Concello do Pino - 04/05/2014
  2. XIX Carreira Popular de Ordes - 11/05/2014
  3. II Carreira Pedestre Popular Concello de Touro - 31/05/2014
  4. IV Carreira Popular Concello de Carballo - 15/06/2014
  5. I Carreira Pedestre Concello de Cee 2014 - 21/06/201
  6. III Carreira Corresán Nocturna Santiago - 12/07/2014
  7. XXIII Milla urbana de Ares - 02/08/2014
  8. XV Carreira Popular Concello de Cambre - 15/08/2014
  9. III Carreira Popular Solidaria Piscina Municipal Muros - 23/08/2014
  10. XVIII Carreira Pedestre Popular Noia - 31/08/2014
  11. III Milla Urbana Concello de Valdoviño - 21/09/2014
  12. XXXIII Popular San Xoán Piñeiro Mugardos - 07/09/2014
  13. III Carreira Nocturna Concello de Ferrol - 13/09/2014
  14. XVII Carreira Popular Santa Uxía de Ribeira - 28/09/2014
  15. VIII Popular A Coruña10   05/10/2014
  16. IV Carreira del Agua Unicef (Sada) - 12/10/2014
  17. XV Carreira Popular de Ames - 19/10/2014
  18. XXXV Carreira Popular de Negreira - 09/11/2014