O vindeiro domingo, 29 de xaneiro, celebrarase o Cros de Ribadavia 2017 no que se disputará o Campionato de Galicia de Campo a Través Absoluto, Promesa e Junior, Individual e por Equipos. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo, Manuel Blanco; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Ignacio Gómez e Ricardo González, e o presidente do Club Deportivo Aurum, Lalo Gómez.
O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que “o Cros de Ribadavia 2017 tamén é unha proba puntuable para o II Circuíto Galego de Campo a Través”. A competición terá lugar no circuíto da Área Recreativa da Veronza, no municipio de Ribadavia. Rosendo Fernández destacou que este campionato “é a proba con máis arraigo e prestixio de Galicia, e nela danse cita os principais atletas de medio fondo e fondo da nosa comunidade”.
Con motivo da celebración, este ano, da 82 edición do campionato masculino e da 50 edición feminina, a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Atletismo, realizarán un recoñecemento á primeira campioa desta competición, a ourensá Aurora Salgado Pérez. Nesta proba participarán os principais clubs de Atletismo de Galicia chegando aos preto dos 400 deportistas en total. Disputaranse catro carreiras que comezarán a partir das 11.00 da mañá nas categorías de Junior masculino e feminino, e Senior e Promesa masculino e feminino.
Toda a información sobre esta proba deportiva pode consultarse na web de Deportes da Deputación de Ourense.