A III CARREIRA SOLIDARIA DA PISCINA MUNICIPAL DE MUROS TERÁ LUGAR O SÁBADO 16 DE AGOSTO
Muros, 5 de agosto de 2014.
A Concellería de Cultura, Deporte, Educación e Xuventude e a Piscina Municipal de Muros, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, organiza o vindeiro 16 de agosto a III Carreira Solidaria Piscina Municipal de Muros.
Esta terceira edición da carreira popular e solidaria da Piscina Municipal de Muros está integrada dentro das 18 carreiras que compoñen II Circuíto de Carreiras Populares da Deputación Provincial da Coruña que se desenvolverán ao longo do 2014 e para o cal será puntuable.
A proba absoluta realizarase sobre a distancia de 5500 metros aproximadamente (nas categorías xuvenil, sénior e veteranos) cun perfil semiondulado e con asfalto na súa totalidade con saída e chegada nas inmediacións da piscina municipal e cun percorrido polas principais rúas da vila de Muros.
A área de deportes do Concello de Muros ten entre os seus obxectivos a universalización da práctica deportiva posto que xoga un papel moi importante na sociedade e actúa de maneira transversal en moitos valores sociais de grande importancia para a mellora da calidade de vida da cidadanía e en especial para acadar a xeneralización do deporte entre os nenos e as nenas.
A Carreira Popular e Solidaria da Piscina Municipal de Muros caracterízase pola numerosa participación e pola solidariedade do evento, xa que se doará parte da recadación acadada á entidade “Cáritas de Muros” e para a que se contará tamén cunha fila cero na piscina municipal. Todas estas actividades posúen un certo trasfondo temático e teñen como obxectivo común a procura dos enormes beneficios que a práctica regular da actividade física pode traer para a saúde da cidadanía.
A inscrición xa está aberta e pode facerse a través da plataforma que a Federación Galega de Atletismo ten na súa web, www.carreirasgalegas.com, e tamén na piscina municipal no seu horario habitual. A carreira contará con diferentes categorías (chupete, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, sénior, veteranos e andaina) e o custo da inscrición será de 5,00 € nas categorías sénior, veteranos e andaina e de 1,00 € nas categorías menores.
O evento conta coa colaboración das marcas Gadis, Cocacola, Espina&Delfín, Galician Marine Aquaculture, de entidades como a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Atletismo así como varias empresas muradás.
O padriño da III Carreira Solidaria da Piscina Municipal de Muros será un dos mellores atletas galegos: ANDRÉS DÍAZ.
Conta con numerosos logros, entre os que destacan:
- Recordman de Europa de 1500 m en pista cuberta con 3:33.32
- Recordman de España de 2.000 m en pista cuberta con 4:56.87
- Campeón de España de 800 m en pista cuberta (1992-1997) e 3.000 (2000)
- Campión de España de 1500 m ao aire libre (1999)
PROGRAMA DEPORTIVO DA XORNADA:
- 09:00 h Entrega dos dorsais das categorías: infantil, cadete, xuvenil, sénior, veterano e andaina.
- 10:00 h Saída da andaina.
- 10:30 h Saída das categorías: infantil e cadete.
- 11:00 h Saída das categorías: xuvenil, sénior, veteranos e andaina.
- 11:30 h Entrega dos dorsais das categorías: prebenxamín, benxamín, alevín e chupete.
- 11:45 h Saída dos prebenxamíns.
- 12:00 h Saída dos benxamíns.
- 12:15 h Saída dos alevíns.
- 12:30 h Saída dos chupetes.
- 12:35 h Exhibición baile infantil.
- 13:00 h Entrega dos premios.