Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, presentou a décima edición do Campionato de Galicia de 10 quilómetros en ruta absoluto e das categorías júnior, promesa e veteranos, que terá lugar mañá a partir das cinco e media da tarde en Padrón.
Serán preto de 600 atletas federados os que disputen o campionato galego entre os que destacan nomes como Lolo Penas, Pedro Nimo e Manuel Furtado na categoría masculina; e Paula Mayobre, Esther Navarrete e Yolanda Gutiérrez, na feminina. Tamén haberá marca de participación na carreira popular Padrón 10K, con máis de 1.200 inscritos en todas as categorías. A carreira dos máis pequenos, que terá saída e meta no Campo do Souto, dará comezo ás catro da tarde.
Fonte: www.lavozdegalicia.es