Foi hai dous anos cando Moncho Ríos, da Agrupación Deportiva Media Ducia de Carballo, propuxo á comisión de festas do barrio da Milagrosa incluír na programación unha carreira de obstáculos a primeira na Costa da Morte. Pero, finalmente, foi a Asociación de Comerciantes, Hosteleiros e Profesionais a que recibiu cos brazos abertos a iniciativa ata crear, en colaboración co Concello, o primeiro Desafío Millagrosa. Participaron 70 dos 98 inscritos.
Este ano, a proba repítese, pero con varias novidades, pois como explicou onte Moncho na presentación que tivo lugar no propio barrio carballés, «buscamos ser capaces de consolidala». Será o día 1 de setembro a partir das 9.30 no parque e inmediacións da Milagrosa, cunha primeira volta de 18 obstáculos que hai que superar, e unha segunda na que só se debe correr.
Innovación e calidade
A innovación radica por unha banda en que se poden facer inscricións por equipos masculinos, femininos e mixtos e, por outra, en que a Federación Galega de Atletismo controlará a proba con chips. «Isto último implica un custe. Con el buscamos darlle un impulso de calidade», dixo Moncho. A maiores, o presidente da asociación, José Manuel Mancebo, engadiu: «O percorrido e os obstáculos tamén serán diferentes».
Polo momento, hai 80 inscritos. Pero o prazo para anotarse en www.carreirasgalegas.com non termina ata as 24 horas do día 29. Iso si, os interesados deben darse présa, pois só quedan 30 prazas dispoñibles. «Reducimos o tope ata 110 persoas para poder controlala», comentou Moncho. Como mínimo, hai que ter 16 anos.
Advertisement
As saídas efectuaranse en quendas de 10 persoas, e os tres primeiros homes, as tres primeiras mulleres e os catro equipos mellor clasificados serán recoñecidos cun trofeo. Ademais, os integrantes dos grupos que completen a proba terán medalla finisher.