xoves, 10 de decembro de 2015

RÉCORD DE INSCRITOS DA SIN -SON (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O martes pechouse o prazo de inscrición para participar nunha nova edición da carreira Sen-Son. A competición, a pesar de ser recente, pois este é o cuarto ano que ten lugar, xa é unha das máis importantes da zona. E os números así a avalan. Nesta ocasión hai marca de anotados. Esperan estar na saída desta competición 2.878 atletas, entre os que completarán o percorrido dos dez quilómetros e os raparigos que participarán nas carreiras do circuíto pechado do peirao.

Os corredores que se apuntaron para cubrir a ruta entre Portosín e Porto do Son superan os 2.500. Os raparigos anotados son 375, a maioría escolares do municipio. A maior parte dos atletas que estarán nesta cuarta edición residen na comarca, aínda que é de destacar que a zona de influencia de Santiago é a máis numerosa, cuns 600 corredores.

Excelente representación
A tradición atlética de Noia tamén se deixa sentir na proba. Segundo a organización, ao redor de 180 persoas estamparon o seu nome na páxina web dos inscritos. A localidade sonense contará cunha excelente representación, pois se prevé que tomen a saída preto de 600 atletas da vila.

Pero tamén hai inscricións que chaman a atención. Entre os anotados hai cinco asturianos, dous barceloneses, oito vascos, dous portugueses e tres veciños de Irlanda.

Os responsables da cuarta edición están máis que satisfeitos coa resposta dos afeccionados pois nas carreiras anteriores nunca s chegara a esta cifra. Miguel Mayán, director deportivo, sinalou que nesta ocasión se deron de alta un 30% máis de participantes que na convocatoria anterior, na que o número de corredores foi duns 2.200.

Esta elevada cantidade de afeccionados está a obrigar aos responsables da competición a modificar cuestións básicas, como pode ser a repartición de dorsais entre os corredores. Moitos dos números entréganse nas cidades pero o resto deberá facerse na localidade de Porto do Son.

O sábado colocaranse mostradores na feira do corredor para que os atletas se fagan co distintivo sen necesidade de esperar ao día seguinte. Tamén se poderán recoller antes da saída en Portosín.

A carreira popular é única na zona porque discorre paralela ao mar. Trátase dunha modalidade en liña con saída en Portosín e chegada ao peirao de Porto do Son. Nesta edición, a proba denomínase Corremos mirando ao mar.