Os atletas da Costa da Morte brillaron na cuarta edición do circuíto provincial de carreiras populares, que organizou unha tempada máis a Deputación Provincial da Coruña.
Na categoría absoluta feminina e na Vetenaras 1, a atleta do Club de Santiago Rocío Alvite (Mazaricos) lidera a clasificación. Michel Antelo, que representa ao Club Terra de Soneira (Vimianzo), ocupa a terceira posición na masculina e a segunda en Veteranos 1.Para puntuar nas diferentes clasificacións, os participantes tiveron que facer un mínimo de once carreiras.
Nas categorías de base, tamén hai presenza importante da Costa da Morte. O ceense Javier Rodríguez Castro, do Club Olimpia de Cee, foi primeiro na categoría cadete; o camariñán Antonio Luaces Paz, do Olimpia de Cee, foi o mellor en infantís, e a cercedense Eneritz Gómez Casado, do Atlética A Silva, foi terceira na competición alevín.
Na clasificación por clubs, o Club Olimpia de Cee terá dous galardóns ben gañados. O primeiro correspóndelle por quedar terceiro na clasificación de menores da categoría feminina, por detrás do Club Atletismo Milladoiro de Santiago e Club Atletismo Sar, de Santiago, e na tamén de menores, pero masculina, ocupa a segunda praza, unicamente superado polo Club Atletismo Milladoiro de Santiago.
O prazo de reclamacións está aberto ata as 21.00 horas do próximo día 25, despois de dar a coñecer o xurado a súa decisión tras ter estudado as trinta carreiras disputadas en todo o circuíto. O atletismo continúa crecendo na comarca.