Na mañá de onte presentouse a trixésimo primeira edición do Gran Premio Internacional de Marcha atlética Cantóns da Coruña, Trofeo Sergio Vázquez, que se disputará na tarde do próximo sábado 3 de xuño.
Como vén sendo habitual, a cidade herculina contará cunha excelente participación, atraídos principalmente polo percorrido, plano a nivel do mar, ideal para as grandes marcas. Así, destaca a participación do equipo español masculino e feminino de 20 quilómetros, que acaba de conseguir recentemente a medalla de ouro na Copa de Europa de marcha en ruta que tivo lugar na localidade checa de Podebrady.
A competición, que se desenvolverá ao redor dun circuíto duns mil metros entre a avenida da Marina , o Cantón Pequeno e o Cantón Grande, comezará ás 18.30 horas (categoría feminina) e ás 18.50 horas (categoría masculina).
Pero á marxe dos profesionais, a Federación Galega de Atletismo dispuxo unha gran actividade deportiva desde primeira hora da tarde. Así, desde as 16.45 horas, terán lugar distintas probas segundo as idades dos participantes.
Ademais, como novidade, tamén haberá unha proba popular de dous quilómetros, aberta a todos os públicos, e na que o recadado polas inscricións irá parar á Cociña Económica. Os interesados en participar nesta proba (17.50 horas) poden apuntarse na web da Federación Galega de Atletismo e o custo é de 5 euros.