Esta mañá, Isidoro Hornillos e Francisco Villanueva, presidente e secretario da UFEDEGA, reuníronse en Santiago con José Ramón Lete, secretario xeral para o deporte.
No transcurso desta, e entre outros asuntos, a UFEDEGA solicitou a intervención da Xunta de Galicia ante o Consello Superior de Deportes para que publique o "desenvolvemento regulamentario" da polémica reforma da Licenza Autonómica Deportiva, tal e como é perceptivo xa que, a falta de seis semanas para a súa definitiva implantación, aínda non o fixo, obrigando deste xeito a que as federacións estatais e autonómicas deban "interpretar" a súa ambigua redacción.
Tamén se transmitiu a profunda preocupación no seo das asociacións deportivas galegas polas consecuencias das inspeccións que se levaron a cabo. Unha parte moi importante do noso sistema deportivo, autonómico e nacional, esta baseado no asociacionismo e voluntariado. Interpretar este feito como unha relación laboral coa conseguinte obligatoriedade de afiliación á seguridade social e as retencións pertinentes pode provocar un retroceso histórico no deporte de base galego. Cabe modernizar o concepto da figura do voluntariado.