luns, 12 de setembro de 2016

RIOBÓ E PEREIRA, A RITMO NACIONAL (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Víctor Riobó e Solange Pereira son as dúas grandes bazas galegas para o Campionato de España da Milla en Ruta, que se disputará en Marín o próximo 24 de setembro. Así o demostraron onte no Malecón do Barco, onde a Milla Urbana Festas do Cristo cumpriu trinta anos, reivindicándose como unha das clásicas do panorama autonómico, por non dicir nacional. Os seus dous gañadores achegan un caché extra a unha proba de xa recoñecido calado.

E é que ademais da convocatoria popular, que se achegou á cota dos catrocentos participantes en todas as categorías, desde a base aos veteranos, contou ademais cun selecto cadro de persoal de atletas invitados, incluídos internacionais en distintas distancias.

O dominio de Riobó na proba masculina respondeu ao esperado nas vésperas do certame, como a réplica que lle deu Saúl Ordóñez. O berciano gañou na vila valdeorresa o pasado ano e chegou con intención de repetir, pero tivo que dobregarse ao cabo ante un inimigo que está a pór toda a carne no asador para o título estatal que pelexará en casa, o mesmo que xa obtivo en 2012 e que espera sumar ao seu palmarés, xa adornado por outras medallas nacionais sobre o asfalto da estrada. O terceiro escano do caixón ocupouno Nassim Hassaous García, o canario que logrou situarse entre as grandes promesas do mediofondo hispano.

Máis claro foi o dominio de Solange Pereira na carreira feminina. Tamén lle botou o ollo ao cordón en Marín e chegou ao Barco nun gran estado de forma, polo que gañou no momento que llo propuxo. Só tivo que vixiar de preto a dous dos grandes proxectos do mediofondo feminino español, como son a aragonesa Cristina Espello e a xixonesa Beatriz Álvarez. Aínda que evidenciaron na poboada recta que pronto serán firmes valores do combinado nacional, non puideron cunha das atletas máis laureadas do país, que tamén coñece á perfección o circuíto barquense.

Tres décadas contemplan a traxectoria dunha carreira cada vez máis brillante en todos os sentidos, que volveu obter ademais o beneplácito de numeroso público asistente nunha xornada de festexos na vila do oriente ourensán. O atletismo volveu ser un gran reclamo.