Volveron voar, esta vez sobre as empedradas rúas da vila de Castelao. A mazarica Rocío Alvite e Akka Essaadaoui impuxéronse onte na última proba do Circuíto de Arousa Norte, que correspondeu coa cuarta edición da Carreira Popular Concello de Rianxo. «Foi un éxito, estivo moi ben, houbo moita xente e ningún percance», asegurou o edil de Deporte local, Xusto Ordóñez, que seguiu a competición en primeira fila.
O podio da proba absoluta feminina completouno Raquel Suárez, segunda, e Esther Pedrosa, que foi terceira. Na homóloga masculina, Víctor Riobó colgouse a medalla de prata, mentres que Víctor González mordeu a de bronce. Os vencedores na modalidade júnior foron Laura Abal en feminino e Adrián Ferrón, deportista da sección de tríatlon do Club Natación Ribeira, que bicou a medalla de ouro masculina.