O circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense chegou ao seu ecuador coa disputa da proba do centro da capital ourensá. Rubén Diz (Ximnástica de Pontevedra) impúxose na meta cun tempo de 18.12 min. O atleta ourensán percorreu os 5.600 metros de que constaba a céntrica proba a un ritmo de 3.15 minutos cada quilómetro. Foi José Manuel Corral (Atletismo Arenteiro) quen comezou na cabeza e liderando a carreira ao primeiro paso polos 1.400 metros. Con todo, viuse pasado a partir de entón por Rubén Diz e por Luis Iglesias Raña. Os tres manteríanse nas primeiras posicións ata o final, con outro veterano, Saturnino González Novoa, que entrou na cuarta posición.
En canto ás mulleres, foi Yolanda Gutiérrez Robles (Maeloc Sidras) quen se impuxo sobre a líder do circuíto Iria Fernández Fontenla (ADAS). Yolanda Gutiérrez entrou en meta un minuto (21.19) antes que o seu rival (22.19). Iria Fernández mantivo unha pugna polo segundo posto coa veterana Sonia Teijeiro, quen tamén disputa a loita pola clasificación xeral do circuíto ourensán, que se renovará no mes de setembro.