Un total de setecentos deportistas tomarán a saída na carreira nocturna do CorreSan, que se celebrará mañá na capital galega. Os escolares sairán ás 21.45 e ás 22.00 horas, mentres que os atletas da proba absoluta iniciarán o percorrido de cinco quilómetros e medio ás 22.30 horas.
Na edición do ano pasado non houbo sorpresas. Os dous grandes favoritos, Nimo e Raquel Suárez Pedrosa, cruzaron a meta en primeiro lugar na proba absoluta. Na categoría masculina, o santiagués percorreu os cinco quilómetros e medio en 17 minutos e 51 segundos. Aínda que gañou con autoridade, non puido mellorar os rexistros que establecera na proba Uxío Abuín (17.30). O triatleta de Lestrove (Dodro) e Raquel Suárez Pedrosa, deportista compostelá, foron os vencedores no CorreSan nocturno do 2015. Na edición do 2014, a carreira foi dominada por completo polos deportistas da capital galega. A vitoria absoluta foi para Nimo na categoría masculina e para Raquel Suárez na feminina.
A inscrición pechouse onte pola tarde e a recollida de dorsais realizarase entre hoxe e mañá. Hoxe, de 10 a 22 horas, na planta de Deportes do Corte Inglés da capital galega. Mañá, de 10 a 18 horas, no mesmo lugar. Excepcionalmente, os dorsais poderanse recoller na praza do Obradoiro (de 19.45 a 21.15 horas) no caso de que sexa imposible achegarse ata O Corte Inglés. Todos os atletas inscritos na modalidade de circuíto deberán recoller a súa camiseta, tanto os adultos como os escolares.
O circuíto está aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico en diferentes lugares da cidade. Nestas probas teñen cabida atletas de case todas as idades (desde benjamines ata deportistas veteranos), con distancias adaptadas a cada categoría.