Solange Pereira aspira a revalidar por quinta vez o seu título de campioa de España da milla en plena pretemporada. Será o sábado (19.40 horas) en Marín e con Marta Pérez, que lle gañou no nacional de 1.500 como principal ameaza. «Estou ilusionada con volver gañar e oxalá podo facelo de novo, máxime sendo en casa», porque a cita de Marín xa a correu nun bo puñado de ocasións e sabe como ninguén cal é o lugar ideal para atacar.
A diferenza doutras citas do calendario atlético, a milla non ten data concreta senón que se adapta a algunha das citas clásicas da disciplina. Esta tempada situouse en setembro, cando os atletas están nunha fase de acumular moito volume. Solange non cambiou os seus plans, aínda que si os matizou nas dúas últimas semanas. «Xa levo adestrando unas cantas semanas e a verdade é que estou a traballar moi ben. Píllame en plena pretemporada pero vou con todas as ganas do mundo. Atópome ben porque estiven facendo adestramentos que a estas alturas de tempada non adoito facer».
Rivais
Ademais de Marta Pérez, a canguesa terá que estar atenta a Laura Méndez, que é outra das candidatas, sen esquecerse da armada galega, comezando pola tudense Leticia Fernández, que tamén ten as súas opcións. Ester Navarrete, Joselyn Abreu, Sandra Mosquera, Eva Cid e Celia Pérez completan o elenco das atletas de casa».«É unha incógnita (falar de favoritas) porque nos pilla a todas a principio de tempada. Aquí todo o mundo conta. A priori Marta é a rival máis forte pero nunca se sabe».