Onte estaban confirmados 370 participantes para a segunda edición da Carreira Popular De 2 en Dous, que terá lugar o vindeiro sábado, día 9, en Carballo.
O prazo de inscrición concluirá mañá na dirección
www.carreirasgalegas.com. A participación é gratuíta, pero ao ser solidaria os atletas que queiran poderán achegar un litro ou un quilo de alimentos non perecervos para entregar a Cáritas Parroquial e á Cruz Vermella.
A organización, o Atletismo Carballo, conta coa colaboración do Concello de Carballo e a Deputación Provincial para desenvolver a proba que será sobre un circuíto urbano de 1.000 metros, aos que haberá que dar cinco voltas para completar os cinco quilómetros na proba absoluta. O traxecto é o mesmo que o ano pasado cando se disputou por primeira vez e nesa oportunidade tomaron a saída na máxima categoría 129 parellas das 199 inscritas.
As referencias son as dos gañadores do 2015, que foron Cristian Muíño (Coristanco) e Amador Pena (Santiago), cun tempo de 19 minutos e 10 segundos, aínda que entraron no mesmo tempo Constante Lorenzo (Muxía) e Andrés Eirís (Carballo). Mentres que as primeiras femininas foron Lucía Suárez e Claudia Blanco , de Noia, nun tempo de 21:40.