domingo, 11 de outubro de 2015

TARIKU NOVALES DOMINA O GAIÁS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

As últimas zancadas do CorreSan 2015 cubríronse sobre a Cidade da Cultura. Máis de 800 corredores desafiaron ao mal tempo, a última hora da tarde de onte, completando un espectacular percorrido pertencente á última proba da edición do 2015 das carreiras saudables organizadas pola Delegación Santiaguesa de Atletismo, ao amparo do Concello de Santiago. As probas mesturan a puxante cultura do running, o correr por pracer, coa salpimienta da competición.

Lara Buig (19:52) do Barbantia Roda e Tariku Novales (15:29) do Club Atletismo Noia foron os vencedores, recollendo a testemuña de Pedro Nimo e Paula Saelices, gañadores na edición anterior.

Tariku Novales dominou a carreira de principio a fin. O atleta internacional, que non puntúa no circuíto CorreSan, tomouse a proba como parte da súa preparación para a tempada de cros que se aveciña: «Facía pouco que correra unha milla en Marín e a sensacións foron moi boas. Ao ter feito tantos quilómetros esta pretemporada para preparar o cros, vin probar, un adestramento. Desde o principio marquei un ritmo forte para probarme e estou satisfeito pola carreira, para ser un circuíto bastante rápido, aínda que ten un par de costas que marcan as diferenzas. Moi contento por atoparme tanbién e ter gañado».

Rubén Caamaño (Atletismo Sar) foi o segundo a 27 segundos de Novales, e a 39 segundos entrou Amador Pena (Noitebra).

Categoría feminina
En mulleres, Lara Buig tampouco puntuou para o circuíto, ao non estar inscrita. O próximo ano espera poder facer todas as carreiras porque «é moi atractivo». Cruzou a liña de meta con 44 segundos de vantaxe sobre Teresa Carneiro (Atletismo Sar) e con 49 sobre Ana Fiestras (San Paio), que foi a terceira.

«Son máis corredora de fondo que de velocidade e facía moito tempo que non corría un cinco mil, e saíu bastante mellor do que me esperaba nun circuíto moi rápido, moi bonito, con subidas moi fáciles e baixadas para recuperar. Gustoume moito», explicou Lara Buig.

Concluído o circuíto CorreSan, a gala de entrega de premios realizarase en novembro, unha vez que a Delegación de Atletismo compute os resultados das catro carreiras.