Tal vez o menos importante era o resultado, pero nunha data na que estaban programados distintos campionatos e incluso unha importante convocatoria para veteranos, a Milla Solidaria contra o Cancro volveu ser un bo reclamo para mesturar deporte e obxectivos benéficos.
Nunha calorosa matinal, Alejandro Cadaya impúxose aos atletas do anfitrión Club Aurum, Álex Crespo e Miguel Anxo Rodríguez, na proba que reuniu a séniores, sub 23 e sub 20.
Na súa categoría feminina, foi Barca Toba (ADAS) a que se impuxo nun apertado final contra Sonia Teijeiro (Burgas), mentres que Begoña Domínguez, do Atletismo Arenteiro, quedaba na terceira praza.
O resto das saídas pactadas na céntrica rúa do Paseo coroaron a Santi García, Pepe Mira (Burgas) e Jorge Veleiro (Legio Querquennis) nas categorías máster masculinas; mentres que as de media milla, sub 14 e sub 16 foron gañadas por Álvaro Díaz (Ourense) e Héctor Rodríguez (Aurum), con Mar Díaz e Mencía Luis (Ourense) foron as mellores mulleres.
Miguel Carbajales, en sub 12, e Martiño Ruano en sub 10 asinaron o dobrete do Ourense, con Mencía Soto (A Purísima) como mellor sub 12 e Aroa Ruana (Ourense) á fronte das sub 10. O dorsal cero tamén funcionou para o fin pactado.