venres, 9 de setembro de 2016

TODO LISTO PARA A XXI CARREIRA CONCELLO DE ORDES (Fonte: Concello de Ordes)

Máis de 330 corredores de todas as idades participarán este vindeiro domingo, 11 de setembro, na XXI Carreira Popular do Concello de Ordes. As distintas probas celebraranse  a partir das 10 horas coas categorías infantil e cadete. Ás 10.30 horas será o turno para os babys e prebenxamíns, seguidos ás 10.50 horas dos xuvenís e dos junior-promesa-senior e veteráns. Por último, ás 11 horas, arrancará a proba dos benxamíns e alevíns. 

Trátase dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario de competicións de toda a provincia que cada ano congrega a centos de atletas profesionais e afeccionados de todas as idades.  As distancias dos percorridos trazados para esta edición van dende os 500 aos 9500 metros según a categoría.

A organización ten previstos premios en metálico de 150, 100, 80 e 50 € para os tres primeiros clasificados segundo as categorías individuais, clubs federados e grupos do municipio. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría benxamín, así como para os tres primeiros homes e mulleres das carreiras xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos. Ao podio tamén subirán os tres mellores tempos rexistrados polos atletas censados no municipio na proba absoluta, así como os participantes de maior e menor idade que completen o percorrido.
Para o rexistro e a correcta clasificación dos atletas participantes empregarase o sistema de cronometraxe da FGA. As bases desta convocatoria xa se poden consultar na páxina web www.ordes.gal e www.carreirasgalegas.com. Ademais, o Concello de Ordes porá á disposición das persoas participantes un servizo de duchas e vestiarios. Quen finalice o percorrido tamén recibirá avituallamento líquido e unha camiseta conmemorativa do evento.

Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración de importantes firmas comerciais da zona. Entre elas destacan Infantilandia, Cola Cao, Carnicería Enrique, Seguros Reale, asesoría Jaime Castro, Pazo Bidueiro, Feiraco, Nocilla, Gadis, froitería A Nova e Eurofrut.