As asociacións Enriqueta Otero, Arelas (de familias de menores transexuais) e Alucem (esclerose múltiple) organizaron a primeira Cor Run da provincia de Lugo. Diversicorre, como denominaron á iniciativa, segue o exemplo da nada en Estados Unidos, que aúna deporte e diversión. O único requisito para participar é levar unha camiseta de cor branca, que se tinguirá de pos de cores ao chegar á meta. Neste caso cumpre unha dobre función, a sociodeportiva e a reivindicativa de igualdade de oportunidades e respecto á diversidade. Celébrase o próximo 21, a partir das seis da tarde, polas rúas do centro histórico.
Ao final da carreira -camiñada para quen non estean dispostos a correr- realizarán unha foto finish, na que cada participante lanzará ao aire unha bolsa con pos de cores, como símbolo da diversidade humana.
As inscricións para participar na carreira pódense realizar na web da Federación Galega de Atletismo. Hai varias categorías con distancias diferentes en función da idade. Os percorridos serán polo centro histórico e pola muralla.
Despois da foto de grupo con pos de cores, haberá un sorteo de agasallos, doados polas entidades colaboradores e actuacións de música e de baile.
A presidenta de Arelas, unha das organizacións convocantes, Cristina Palacios, sinalou que esta actividade ten como fin «sensibilizar e naturalizar a toda a cidadanía da importancia de que cada persona ha de atopar o seu lugar na sociedade». Según explicó, «todos temos dereito a vivir a nosa vida con dignidade e sen discriminación, participando a vontade e activamente en todos os actos sociais».
A recadación obtida polas inscricións na carreira será destinada ás tres organizacións que prepararon o acto, que buscan promocionar a igualdade, a prevención da violencia machista, a visibilización na loita polos dereitos das persoas transexuais e a diversidade funcional.
Os participantes irán con camisetas brancas que ao final se cubrirán de pos de cores.