Antonio Serrat levou onte á noite o triunfo na +10 Marín Manuel Rosales-Gran Premio Ence máis multitudinaria, posto que a proba bateu o seu récord de participación cun total de 714 inscritos. O triatleta vigués marcou un meritorio rexistro de 32 minutos nos 10 quilómetros dos que constaba a proba, distancia homologada pola federación española, impoñéndose nos últimos metros a Manuel Furtado, da Ximnástica de Pontevedra, que partía como gran favorito tras a súa vitoria do pasado martes na Carreira de Santiaguiño do Burgo. Tras eles, e xa a un minuto de distancia, completou o podio Amadeo Abal (R Team).
En categoría feminina non houbo sorpresas e o triunfo correspondeu a Joselyn Brea, que marcou un tempo de 33 minutos e 42 segundos. Tras a venezolana afincada en Pontevedra a segunda posición foi para a súa irmá, Edymar Brea, e Camila Alonso completou un podio feminino composto integramente por triatletas.
A proba absoluta puxo o broche a unha +10 Marín que volveu incluír actividades paralelas e carreiras para categorías inferiores, cun fin de festa no que a choiva fixo acto de presenza pero non impediu que se vivise unha gran xornada de atletismo popular.