venres, 26 de maio de 2017

UNHA CARREIRA BENÉFICA, GRAN NOVIDADE DESTE ANO (Fonte: www.elidealgallego.com)

O concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou a XXXI edición do Gran Premio Internacional de Marcha Os Cantóns da Coruña-Trofeo Sergio Vázquez, que se desenvolverá o 3 de xuño.

O edil destacou a “singularidade e tradición” dunha proba “que é un referente internacional polo seu circuíto urbano, plano e atractivo para a realización de grandes marcas”.

“A dimensión desta proba, que sitúa A Coruña no panorama internacional, é incuestionable. Aquí venceron atletas ilustres como Maurizio Damilano, Reyes Sobrino, Jefferson Pérez, Paquillo Fernández ou Liu Hong (quen na edición de 2015 batiú o récord mundial dos 20 quilómetros)”, salientou o concelleiro.
Este ano a proba contará coa participación do equipo español masculino e feminino dos 20 quilómetros, que veñe de acadar recentemente a medalla de ouro na Copa de Europa de Marcha en Ruta que tivo lugar na localidade checa de Podebrady.

A competición, que se desenvolverá arredor dun circuíto de 1.000 metros entre a avenida da Mariña, o Cantón Pequeno e o Cantón Grande, comezará ás 18.30 horas para as participantes da categoría feminina, e ás 18.50 horas para os atletas da masculina.

Compoñente social
Pero a actividade deportiva iniciarase desde primeira hora da tarde na zona, xa que a partir das 16.45 horas terán lugar distintas probas segundo as categorías e idades de participantes.

Como novidade principal o GP Os Cantóns da Coruña incorpora este ano “un compoñente social a súa celebración”, segundo indicou Sande, como é a primeira edición dunha proba popular de dous quilómetros, aberta a toda a cidadanía, cuxos beneficios pola inscrición irán á Cociña Económica. “Unha iniciativa moi apropiada que apoia a labor diaria, e tan significativa, dunha entidade histórica na cidade”, suñiñou o edil herculino.

Todas as persoas que participen nesta marcha de carácter solidario, que terá un percorrido de dous quilóme tros, portarán o dorsal número 131, en conmemoración dos anos da entidade benéfica coruñesa.

As inscricións para esta competición, que terá lugar o mesmo sábado 3 de xuño, ás 17.50 horas, poderán realizarse a través da web da Federación Galega de Atletismo, www.carreirasgalegas.com. O custo para persoas maiores de 14 anos será de 5 euros, mentres que para os menores desta idade será de 3 euros.