A cuarta edición da Carreira Popular Sin-Son estará infestada de estrelas. Aínda que os protagonistas serán os preto de tres mil afeccionados que realizarán o percorrido, tamén haberá un apartado para corredores profesionais que xa teñen un nome dentro deste deporte e tamén títulos importantes.
Fontes da organización indicaron que anunciaron a súa presenza, ás 10.30 horas en Portosín, atletas de elite como Chema Martínez, que xa estivo nalgunha olimpíada e que é campión de Europa de 10.000 metros lisos. Será da partida tamén Pedro Nimo, vencedor da última edición do nacional de maratón; Alejandro Fernández, e Solange Pereira, actual campioa de España dos 1.500 metros. Tamén confirmaron a súa presenza atletas de talla internacional como Manuel Furtado, Robertas Geralavicius, Hassan Lekkli, Paula Mayobre, Sandra Mosquera e Elías Domínguez, entre outros. Pero a vitoria non será nada fácil porque hai un elenco moi bo de barbanceses que queren agradar en casa e porán as cousas moi difíciles aos atetas xa consagrados.
Pero tamén haberá rostros coñecidos e non precisamente do deporte. Estará nesta cita uno dos cociñeiros máis importantes da comunidade autónoma, que abandonará os fogóns por unhas horas para correr pola estrada xeral que une Portosín e Porto do Son, Yayo Daporta, un restaurador de prestixio que ten o seu establecemento en Cambados e que participou como xurado en Top Chef.
Iniciativas innovadoras
A carreira, que se disputará o domingo, promovida polo Concello sonense, ten como obxectivo explorar iniciativas innovadoras e saudables relacionadas co turismo e o deporte, ademais de mostrar a beleza do termo municipal. A proba está a consolidarse como unha das máis multitudinarias das que teñen lugar en Galicia pois nesta cuarta edición o número de participantes aumentou un 37% con respecto á disputada o ano pasado.
A competición tamén estará á vangarda tecnolóxica de eventos deportivos deste tipo. Como novidade, nesta edición os responsables da iniciativa desenvolveron unha aplicación para terminais móbiles que emitirá en directo a proba e ofrecerá con carácter previo toda a información sobre a carreira.
Non será a única novidade relacionada coas novas tecnoloxías. Varios drones sobrevoarán todo o percorrido gravando e facendo fotos aéreas, mostrando ademais o encanto e a beleza da ría de Muros-Noia.