As rúas do centro urbano de Noia foron onte o escenario perfecto para celebrar unha gran festa do atletismo popular e profesional, con máis de 700 deportistas vestidos para a ocasión. Grandes e pequenos, corredores noveis e experimentados e público deron luz e cor á vila cando xa a noite caía sobre ela. O deporte non entende de idades e iso quedou claro na vigesimoprimera edición da Carreira Popular Pedestre de Noia.
Os máis pequenos foron os primeiros en calzarse as zapatillas e colocarse na liña de saída. Os participantes da categoría chupete, acompañados dos seus pais, percorreron 250 metros tras os cales o importante era cruzar a meta, independentemente do posto no que se fixese. Máis rivalidade houbo, pouco despois, na carreira do apartado pitufos. O circuíto, de 350 metros, consistía en dar unha volta á Alameda e neste caso xa puideron verse os primeiros piques, aínda que todos acabaron felices e radiantes coas súas medallas colgadas ao pescozo. Coa posta en escena dos atletas benjamines e alevíns comezouse a ver competición. Estes, xa tiñan que completar un trazado dun quilómetro con paso pola rúa Rosalía de Castro. Máis de 80 nenos participaron nestas categorías, deixando unha imaxe clara: o atletismo galego ten futuro.
Máis seria foi aínda a carreira dos infantís, cadetes e xuvenís. Medio centenar de mozos, con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos, buscaban na liña de saída unha boa posición para comezar a proba, de tres quilómetros, poñendo de manifesto que ían a por a vitoria.
Baixando registros
Os días previos á celebración da Pedestre, o presidente do Club Atletismo Noia, Luís Sanmartín, xa avisaba que o trazado da proba absoluta era rápido. Non se equivocou, porque velocidade non faltou. Antonio Serrat, do Club Deportivo San Paio, proclamouse campión rebaixando en case medio minuto a marca que fixou o ano pasado Anxo Penas. Serrat empregou 27 minutos e tres segundos en percorrer oito quilómetros, un ritmo que os seus rivais non lograron aguantar e que lle permitiu cruzar a meta podendo gozar do instante. Pedro Nimo do Ouro, un dos favoritos á vitoria, foi segundo, a case 20 segundos do gañador.
Na categoría feminina produciuse un momento moi emotivo. Joselyn Brea levou o primeiro premio e estivo acompañada no podio pola súa irmá Edymar. Ambas finalizaron a proba establecendo o mesmo tempo na clasificación. Unha vez cruzaron a meta fundíronse nun abrazo que simbolizou valores do atletismo, como son esforzo, sacrificio, compañeirismo e respecto.