A quen non lle gustaría saír do Obelisco coruñés con vinte e un quilómetros por diante para compartir cos fondistas que están a dar que falar no panorama atlético español. Iso é o que deben pensar os case dous mil inscritos nunha das probas máis consolidadas do deporte pedestre en Galicia, a media maratón Coruña21.
A oitava edición da proba, a que se celebra este domingo desde as dez da mañá contará coa presenza de deportistas da talla de Alejandro Fernández, que terminou na cuarta posición no Campionato de España de media maratón disputado en Santa Pola o penúltimo fin de semana de xaneiro. Foi o primeiro galego no certame.
Xunto a el, ademais de centos de atletas populares, figurarán nomes de prestixio no fondo nacional, como o de Manuel Penas ou Manuel Furtado (quinto en Santa Pola), cuxa aspiración para este ano alcanza cotas olímpicas.
No elenco feminino, inscribíronse atletas como a aresana Paula Mayobre, primeira galega no que vén de realizar un sétimo posto en Santa Pola con mínima para o Mundial incluída.
A inscrición para a carreira Coruña21 aínda se atopa aberta e poderá realizarse a través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com ata as 23.59 horas do día 4 de febreiro. O custo é de 50 euros, con bonificacións do 50 % na cota de inscrición para persoas desempregadas, posuidoras do Carné Xove ou maiores de 65 anos. Máis información na web municipal www.coruna.es/carreiraspopulares