Uxío Abuín, triatleta de Lestrove (Dodro), e Raquel Suárez Pedrosa, deportistas compostelá, foron os vencedores no CorreSan nocturno, no que participaron 1.200 persoas. Abuín, cun tempo de 17 minutos e 30 segundos, superou con claridade aos seus rivais. A segunda posición foi para o noiés Rubén Caamaño, que investiu nos cinco quilómetros e medio de percorrido 32 segundos máis que o gañador (18.02). A terceira praza foi para o coruñés Javier Tourís, que parou o crono en 18 minutos e 22 segundos.
Na proba feminina, Raquel Suárez logrou un tempo de 20 minutos e 11 segundos. Repetiu a vitoria da pasada edición da carreira nocturna do CorreSan e fíxoo con claridade. Avantaxou en 78 segundos á carballesa Vanesa Lafuente, que entrou na praza compostelá cun tempo de 21.28. Terceira foi Mela Penas, de Arzúa, con 21.40. «Isto é precioso, é unha marabilla. Entrar de primeira na praza do Obradoiro é un auténtico lujazo», sinalou a gañadora feminina.
O vencedor da pasada edición, Pedro Nimo, chegou moi atrasado. Esta vez saíu a divertirse e non o fixo para competir.
Próximas carreiras
Co CorreSan nocturno de onte iniciáronse as carreiras saudables deste ano. A segunda proba será o 1 de agosto en Angrois, mentres que a terceira está programada para o 20 de setembro na Granxa do Xesto. A cuarta cita será o 10 de outubro na Cidade da Cultura.