Rubén Diz Díaz, da Sociedade Gimnástica de Pontevedra, e Ester Navarrete Santana, do Adas Proinor, foron os gañadores da terceira edición da carreira nocturna SantYaGo10K que se celebrou na capital galega. Diz cruzou a liña de meta en primeira posición cun tempo de 31 minutos e 32 segundos. Avantaxou en moi poucos segundos a outro dos grandes favoritos, Uxío Abuín, que parou o crono en 31.49. A terceira praza foi para David Santos, con 32.32. Seguidamente quedaron Juan Bo, con 33.42, e José Lojo, con 34.46.
Lolo Penas, a priori un dos grandes favoritos para a vitoria, ao final non puido participar por culpa dunha lesión.
Navarrete, a muller máis rápida na liña de meta, investiu un tempo de 35 minutos e 36 segundos. Chegou destacada á praza do Obradoiro. A segunda posición foi para Edymar Brea, con 36 minutos e 30 segundos. O bronce adxudicoullo Paula Mayobre, con 36.40. Seguidamente quedaron, en cuarta e quinta posición, Rocío Alvite, cun tempo de 37.41, e Raquel Suárez, que detivo o crono en 38.07. Ao longo do percorrido os atletas foron animados polo numeroso público que presenciou a proba.
Esta carreira naceu no 2015 como un proxecto do club de atletismo Fontes do Sar e do Multiusos Fontes do Sar coa intención de traer a Santiago unha carreira nocturna homologada.