venres, 21 de xullo de 2017

VILAÑO PREPÁRASE PARA ACOLLER A MÁIS DE 750 PERSOAS NA SEGUNDA EDICIÓN DA CARREIRA POPULAR DO APÓSTOLO

A Organizacion do evento considera un éxito o número de inscritos acadado, con 250 persoas máis ca na pasada edición.

766 é o número exacto de persoas que se agarda que asistan este sábado 22 de xullo ao gran evento deportivo que a Asociación Cultural Adro de Vilaño organiza co respaldo do Concello de A Laracha, e que será o punto de comezo das festas patronais da parroquia.

Entre os máximos favoritos dos 282 inscritos cos que contará a proba de adultos (19:00h.) figuran o triatleta residente en Madrid David Castro, máis de 80 veces internacional co equipo español de triatlón; Amador Pena, vixente campión e actual líder destacado do Circuito de Carreiras Populares da Deputación da Coruña; Javier Tourís, actual líder do Circuito Correndo pola Costa da Morte; Michel Antelo, segundo no Circuito Correndo pola Costa da Morte, Manuel Oliver Pérez “Manute”; Nicolás Domínguez, e Ángel Maceiras. Na categoría feminina destaca a presenza de Rocío Alvite, líder do Circuito Correndo pola Costa da Morte. As categorías escolares, con máis de 200 rapaces e rapazas apuntados, darán comezo ás 17.50h. Para poñer o broche de ouro á xornada darase paso á Andaina Saudable-Solidaria con 269 persoas anotadas (19.05h.)

Tanto para a Carreira como para a Andaina, a entrega de dorsais farase durante a tarde do venres 21 no Carrefour de Coristanco entre as 17.00 e as 20.00 horas, e durante a mañá do propio sábado 22 no Adro de Vilaño en horario de 11.00 a 13.30. Durante a tarde do sábado, os participantes tamén poderán recoller o seu dorsal desde as 15.00 e ata 30 minutos antes da saída da súa proba. A Organización, ante a gran cantidade de inscritos, agradece a recollida de dorsais o venres pola tarde ou o sábado pola mañá co fin de que non se produzan alteracións na programación do evento.

Destácase a presenza dunha zona de gardería con animadores para os máis pequenos que estará operativa durante toda a xornada de forma gratuita. De igual maneira, os corredores terán acceso a zona de hidratación, fisioterapia e piscina de crioxenización para a recuperación muscular. Ao final do evento ofreceranse pinchos variados gratis para todos os participantes.

Dispositivo de tráfico e seguridade

O Concello desplegará un dispositivo de 30 efectivos, entre Policía Local e Protección Civil, repartidos nos distintos puntos do percorrido. Entre as 17:30h e as 21:00h produciranse cortes de tráfico polas zonas de acceso a Vilaño, polo que se recomenda a non circulación por esta zona na devandita franxa horaria. A organización tamén desplegará un dispositivo conformado por 50 persoas que velarán porque todo avance segundo o planificado.

Haberá 2 aparcadoiros debidamente sinalizados. O Aparcadoiro 1 estará aberto para a entrada e saída de vehículos durante toda a xornada accedendo polo lugar de Quintáns, mentras que o Aparcadoiro 2 (fronte ao Adro) quedará pechado durante a celebración do evento deportivo.