O vindeiro domingo día 11 arrinca a quinta edición do evento de atletismo de máis éxito da comarca. Farao en Camariñas para logo ir pasando, ao longo do ano ata outubro, por nove concellos máis da zona: Vimianzo, Mazaricos, Dumbría, Zas, Cee, Muxía, Carnota, Corcubión e Fisterra. Unha cita que reúne moito máis que deporte: un exemplo de superación e de supresión de barreiras, así como un compromiso coa solidariedade. Merece a pena probala.José Manuel Canosa Campaña (Camariñas, 1976) leva dous anos sendo concelleiro de Deportes de Camariñas. Porén, está metido no Circuíto da Costa ata a medula. Nas súas verbas sobre a proba que terá lugar o próximo día 11 apréciase a mesma ilusión que a dun neno pequeno.
-¿Como van as inscricións para a proba inicial do circuíto?
-Estamos en torno ós 300 deportistas. O luns, xa andaremos preto dos 600. O ano pasado batémolo récord de participación ao pasar das 700 persoas. Foi unha loucura. A xente responde e iso danos pé a que poidamos seguir organizando este tipo de actividades.
-¿Que día é o último para anotarse?
-Ten un prezo ata o luns e, outro, ata o mércores ás 00.00, que é cando remata o prazo.
-¿Hai límite de prazas?
-Nunca. Vai a participar todo aquel que se apunte. Se chegamos a 1.000, pois mil, e se somos 2.000, pois tamén. O obxectivo é superarse cada ano e estámolo conseguindo.
-¿De onde son os inscritos?
-Principalmente da zona, porque todos os corredores que hai pola Costa da Morte aproveitan para competir. Pero tamén veñen moitos da provincia de A Coruña e, en xeral, abárcase practicamente toda Galicia.
-¿Detectaron diferenzas de participación respecto a outros anos?
-Aínda é un pouco pronto para falar diso porque a xente adoita anotarse sempre nos últimos días, pero en principio estamos nos mesmos números de tódolos anos.
-¿Por que lugares de Camariñas pasa a proba?
-Sae do paseo marítimo dende o monumento da muller traballadora. Despois atravesa todo o pobo en subida cara o miradoiro da Pedrosa, dende onde se ve o faro Vilán e a parte máis bonita de Camariñas. Bordea toda a costa e regresa pola estrada que une o pobo co faro. E xa por último, recorre todo o paseo marítimo ata o punto de saída.
-¿Que nivel de dificultade ten?
-Depende a quen lle pregunte. Para o que está ben preparado fisicamente di que é unha carreira moi bonita, que se goza moitísimo. En cambio, os que van un pouco máis xustos de adestramento, sofren bastante [risas]. Pero non é de estremada dificultade. Se fose ó contrario, notariámolo nas inscricións que irían a menos. Pero non é o caso. Os corredores o que non queren é carreiras coas que matarse. Nos primeiros dous quilómetros hai unha medio subida. Logo, é todo raso ata que hai unha costa de un quilómetro. E despois é todo cuestión de baixar.
-¿Algún dato máis a saber?
-Si. A camiseta conmemorativa da proba, debido a que o día 8 é o Día Internacional da Muller Traballadora, levará ese lema.«Procúrase favorecer a toda a sociedade e non só ó feito de facer deporte»Francisco Puga Bestilleiro (Coruña, 1971) vai preto de cumprir os 23 como técnico de Deportes de Camariñas. El foi parte do despegue desta iniciativa que consegue reunir a tantos deportistas.
-¿Como foron as orixes deste proxecto?
-Comezou a raíz de que nunha das reunións típicas entre técnicos municipais expúxose a posibilidade de ¿por que non facer isto? A partir de aí, comezamos a traballar nun proxecto común de proxección da comarca, do que resultou Correndo pola Costa da Morte.
-¿Que concellos participaron dende o primeiro momento?
-A parte de Camariñas, Vimianzo, Zas, Cee, Muxía, Carnota, Corcubión e Fisterra. Dumbría comezou un ano máis tarde e, Mazaricos, dous. -¿Cabe posibilidade de ampliar a cifra? -Coordinar a dez concellos xa ten o seu aquel. Se algún se quixera incorporar, evidentemente aceptariámolo e traballariamos con el sen ningún problema. Pero eu creo que dez carreiras xa son un número redondo para que a xente que participa poida asistir a todas. Engadir algunha máis, quizais xeraría problemas.
-Este ano incorporaron novidades, ¿non?
-Si, dende unha páxina web propia, que non tiñamos, ata unha aplicación móbil. Isto permítenos ofrecerlle ós participantes información relativa ás carreiras en tempo real. Deste modo, imos gañando en cousas intanxibles, pero que son importantes de cara a darlle publicidade ó circuíto. -Esta iniciativa está moi ligada ó turismo.
¿Ata que punto o notaron en Camariñas?
-De todo o circuíto, as probas que adoitan contar con maior participación sempre son Camariñas, Vimianzo e Carnota. E sobre todo esta última, debido á boa data na que se celebra, en agosto. Pero o caso é que o feito de que no mes de marzo se desenvolva unha actividade destas características en Camariñas, pois significa que vai haber unha cantidade importante de persoas doutros lugares que van vir non só a correr, senón tamén a deixar cartos en comidas e cafés. Entón, procúrase favorecer a toda a sociedade e non só ó feito de facer deporte.
-Pero a maiores de todo iso, aínda hai máis. Solidariedade e inclusión.
-Cando comezamos a traballar coa Asociación Española contra o Cancro, tiñamos moi claro que o que queriamos era que a xente vira a necesidade de que dende o mundo do deporte se solidarice. E o feito de traballar con persoas que teñen algún tipo de dificultade motora veunos dado pola participación mesma desa xente. Nese momento comezamos a planear a posibilidade de abrir o circuíto e xerar outro vinculado, co único obxectivo de que todo o mundo poida incorporarse e xerar a ilusión de poder participar. E a evolución de Sara Vieites, cunha parálise cerebral, foi excepcional, de comezar en cadeira de rodas a correr por si mesma.