Este domingo día 22 de febreiro a partires das 10:00 h. da mañá, a Sociedade Deportiva de Atletismo San Miguel de Oia organiza a 38º edición do seu xa popular Cross.
O XXXVIII Trofeo de Campo a Través San Miguel de Oia, realízase ano tras ano ininterrompidamente para que poidan gozar desta modalidade do atletismo, que ten tanta tradición na nosa comunidade, todos os atletas que o desexen. Tanto corredores federados como populares e escolares poden participar neste tradicional Cross que transcorre nos campos privados de Loureiro, na localidade de San Miguel de Oia en Vigo.
Das filas do citado Club, saíron atletas ilustres de ámbito nacional e internacional do talle de Alejandro Gómez, Carlos Adán, Estela Estevez, Xulia Vaquero, etc... e ata un total de 48 campións de España que tivo ao longo de 42 anos de actividade atlética.
Con grande esforzo e dedicación e grazas á colaboración dos socios, atletas, pais, veciños e entidades públicas e privadas desta localidade, a S.D.A. San Miguel de Oia saca a diante este magnífico Evento Deportivo, que este ano conta con máis de 450 atletas entre adultos e escolares de todos os cantos de Galicia e do norte de Portugal.
Pero nada disto seria posible sen a alma mater do Club, Gilberto, que co seu empeño, enerxía e toda unha vida de dedicación ao atletismo, consegue poñer de acordo a tanta xente para que todo isto funcione e saia ás mil marabillas.
Ata un total de 110 trofeos se repartirán o día 22 en San Miguel de Oia, onde os verdadeiros protagonistas, nesta festa do atletismo, son os nenos. Regalos, sorteos e medallas repartiranse entre todos eles, para que saian cun sorriso e motivación para seguir practicando este marabilloso deporte.